Ames, 22 de xuño do 2021 – Ames organiza unha Noite Meiga que reunirá nunha andaina, mulleres meigas, mulleres sabias, embruxo, voz e danza na noite máis máxica do ano.
Os participantes da Noite Meiga sairán ás 19:00 horas do Pazo da Peregrina para percorrer parte da Ruta 8M. O percorrido que vai estar teatralizado é unha ruta circular polas zonas verdes de Bertamiráns en que se instalaron monólitos dedicados a mulleres relevantes, entre elas a escritora e veciña de Ames, Filomena Fraga.
O paseo remata no Pazo da Peregrina cunha chea de sorpresas onde destacan a voz da terra, a forza das mulleres meigas, a danza e os meigallos do son.
Vinte e cinco amesáns van poder participar desta saída nocturna. Para facelo é preciso inscribirse previamente no correo promociondasaude@concellodeames.gal, chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao 649 45 02 64.
A Noite Meiga desenvólvese na versión curta da ruta 8M, un paseo de cinco quilómetros onde en cada unha das zonas verdes pola que discorre está instalado un monólito dedicado a unha muller coñecida polas súas accións a prol da igualdade.