Ames programa un mes de Letras Galegas

0

Ames, 5 de maio do 2021 – O concello de Ames presenta unha ampla programación para o mes de maio que toma como referencia o Día das Letras galegas.

Presentacións de libros, obradoiros, exposicións, espectáculos e concertos. As concellarías de Cultura e de Normalización Lingüística de Ames ofrecerán toda unha xeira de actividades encamiñadas a valorizar o galego e dar a coñecer a Xela Arias, a poeta homenaxeada este ano.

A creadora, editora, tradutora e mestra Xela Arias estará presente en Ames a través de toda unha serie de actividades dirixidas a dar a coñecer a súa obra e a súa figura. A autora de “Denuncia do equilibrio”, Tigres como cabalos” e “Darío a diario” desenvolveu unha obra poética e literaria fora de convencionalismos e caracterizada por unha linguaxe urbana, vangardista e revolucionaria. É a quinta muller, incluída Rosalía de Castro, a quen se lle dedica o día das Letras Galegas, desde a súa instauración no ano 1963.

Exposicións sobre Xela Arias

As actividades inauguraranse o día 12, coa exposición “Xela Arias, desde nós en ti”. Trátase dunha intervención nos escaparates de distintos establecementos de Bertamiráns e do Milladoiro, que amosarán carteis, elaborados polo alumnado do IES de Bertamiráns, nos que se que recollen aspectos da vida, a obra e a época na que viviu a poeta sarriá. Esta exposición urbana amosarase até o 31 de maio. Outros traballos realizados tamén por alumnos e alumnas do mesmo instituto acadaron o 1º Premio no Concurso-exposición “Letras 2021” da Xunta de Galicia e poderán verse na Casa de Cultura de Bertamiráns do 16 ao 21 de maio.

Presentación de libros

As xa habituais presentación de libros que organiza a Biblioteca Municipal terán tamén a Xela Arias como protagonista este mes. O día 19, ás 20:oo horas o Pazo da Peregrina acollerá a presentación de “Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias” da filóloga e crítica literario, Montse Pena. O xoves, 20, no mesmo espazo e aá mesma gora presentaranse os poemarios gañadores do Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”. Asistirán Charo Pita que acadou o primiero premio co “O cuarto de Jane e Laura R. Cuba que gañou un accesit con Rascamasseiras. O mércores 26, está prevista a presenza de Suso de Toro en Ames para presentar “Un señor elegante” a súa última novela.

Cómpre salientar que tamén neste mes de maio entregaranse os premios da XVIII edición do Certame Literairo de Ames. O acto terá lugar o día 21, ás 20:00 horas no pazo da Peregrina.

Obradoiros

Coa intención de achegar a figura da poeta homenaxeada aos máis cativos/as, as bibliotecas municipais preparan diversos obradoiros. O primeiro deles terá lugar o 21 de maio ás 17:30 na biblioteca de Milladoiro e está dirixido á rapazada de 3º a 6º de Primaria. O obradoiro leva por título “Quen dis que era Xela Arias?” e correrá a cargo de Xandobela. Desde o 3 ao 19 de maio está aberto o prazo para inscribirse.

O sábado, 29 de maio, ás 11:30, horas, na Biblioteca de Bertamiráns, terá lugar outro obradoiro “Creacontos, obradoiro de creación literaria”, a cargo de Andamiaxe. O prazo para inscribirse está aberto desde o 10 ao 27 de maio.

Concerto e espectáculo

Xa están na billeteira municipal os convites gratuítos para o espectáculo de narración oral “Ao redor de Xela Arias”. Raquel Queizás protagoniza esta contada que afonda na vida e na obra de Xela Arias. Terá lugar o 25 de maio, ás 17:30 horas na Casa de Cultura de Bertamiráns e poderán asistir todos e todas as maiores de 5 anos que o desexen.

Un concerto da Banda da Loba, que presentará “A fábrica de luz. Homenaxe a Xela Arias”, pechará, o día 21, ás 21 horas, na praza de Chavián de Bertamiráns as actividades do mes das letras en Ames.

As responsables políticas desta programación manifestan a súa satisfacción pola programación e a súa intención de seguir potenciando a lingua e a Cultura. A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín di que “Dende o noso concello queremos celebrar a obra e a figura de Xela Arias cunha ampla programación que inclúe varias propostas para públicos diversos, axeitadas ás limitacións que nos plantea a situación sanitaria actual. Deste xeito, as amesás e os amesáns poderemos celebrar o día grande da nosa lingua e da nosa cultura sen deixar de ter presente o importante que son os 364 días restantes do ano para traballar arreo a prol da nosa lingua”.

A concelleira de Cultura e responsable do servizo de bibliotecas, Natividade González gaba o feito de que este ano sexa unha muller a quen se lle dedique o día das Letras: “Este ano, as Letras Galegas teñen como anfitriona no seu día a unha das voces mais destacadas da poesía galega contemporánea, unha poesía considerada “singular, transgresora, sincera e comprometida. Desde o departamento de Cultura, e Biblioteca Municipal de Ames, e SNL están previstas diversas iniciativas para dar a coñecer a obra da autora homenaxeada , elaboración de recursos, presentación de libros, exposicións, música e o seu compromiso coa lingua, ao igual que a súa influencia na década dos 80, que marcou unha nova etapa, nos temas, no estilo e na forma”. A concelleira destaca tamén “a importancia de que sexa unha muller, aínda que está moi preto María Victoria Moreno, Xela Arias, é a quinta muller que homenaxeamos nos 58 anos da letras galegas”.

Os actos que abeiran ao día das Letras Galegas alongaranse durante todo o mes de maio.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial