Ames presenta a programación cultural do primeiro semestre do ano

0

Ames, 13 de xaneiro do 2021 – A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a presentación da programación cultural do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2021.

A programación cultural de Ames desenvolverase nos auditorios do Milladoiro e Bertamiráns. Incluirá pezas de teatro, música e danza para todo tipo de públicos. Supón un investimento de 50.000 euros ao longo do 2021; deles a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) achegará 24.125,77 euros. As entradas poderanse adquirir na Billeteira electrónica dende este xoves 14 de xaneiro.

A presentación correu a cargo da concelleira de Cultura, Natividade González; do director de AGADIC, Jacobo Sutil; e da técnica do departamento de Cultura, María Vázquez. O concello invitou tamén ao persoal de diferentes compañías que participan en dita programación. Asistiron Katerina Varela e Alex Fernández, responsable e elenco artístico da compañía La Macana; Vero Santalices e Iván Dávila, de Paio e o poder da música da compañía O Viravai; e Josito Porto, actor na Lingua das Bolboretas da Compañía Sarabela.

O director de AGADIC, Jacobo Sutil, explicou que “debemos pór en valor o traballo que se pon dende os corenta concellos que pertencen á rede. Ames é un exemplo xa que organizou unha programación variada que abarca todas as disciplinas, danza, teatro e música. Ademais optou por traballar con compañías galegas, cousa que agradezo e valoro. No primeiro semestre desta edición representáronse en total 364 funcións de 114 compañías, 105 delas galegas. Isto é posible grazas ao investimento conxunto, de 10 millóns de euros, entre os Concellos e a Xunta de Galicia”.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destacou que “Ames segue a ser un concello que fai unha forte aposta pola programación das artes escénicas. A pesar das dificultades xurdidas no pasado ano, fomos capaces de cambiar de data case o 90% da programación prevista. Coa obra Sofía e as Prosocráticas, que está programada para o 2021, pasaríamos ao 100% de execución dos espectáculos que tiveron que ser suspendidos durante os case catro meses do estado de alarma. Apostamos por reprogramar e por facer unha cultura segura. A importancia da cultura neste tipo de crise é a que nos demostra que a cultura é o motor da sociedade, da actual e da futura”.

Para o público infantil

A programación comeza o venres, 22 de xaneiro ás 18.00 horas, da man da compañía O Viravai, que representará en Bertamiráns, o espectáculo infantil musical Paio e o poder da música. Este traballo contén unha clara finalidade educativa xa que no espectáculo trátanse temas tan transcendentes e actuais coma o “bullying”, a igualdade, a reciclaxe ou a literatura galega.

A seguinte obra de teatro será xa o 5 de febreiro, ás 18.00 horas. Neste caso, Talía Teatro representará Voa, voa!. Unha comedia, dirixida a cativos de catro a nove anos, na que se proporá recuperar ditos, retrousos e xogos de man. Unha relación de ditos populares centrados nestas pequenas rimas que perduraron xeración tras xeración e que se foron transmitindo de xeito oral. Esta peza teatral representarase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

A compañía Uxía representará tamén no Milladoiro a obra Rosalía Pequeniña. Será o 26 de febreiro, ás 18.00 horas. Trátase dun espectáculo no que Uxía presenta a súa poesía nun concerto baseado no libro-disco Rosalía pequeniña, editado por Galaxia. Repertorio de Rosalía pequeniña con algúns temas tamén de María Fumaça .

Para o mes de marzo, Baobab Teatro representará, o día 5, a obra Mai Mai en Bertamiráns. A peza, para maiores de cinco anos, conta a historia do último Oso Panda do planeta e a súa loita por sobrevivir, a falta de comida e os problemas ocasionados polo quecemento global fan difícil a supervivencia desta especie. Unha muller emprendedora e moi revolucionaria e un famoso fotógrafo comezan unha viaxe por separado para atopar o último Panda do planeta, toda unha aventura na que se atoparán unha chea de problemas que solventar. Unha historia tenra e moi divertida onde se mestura o amor, a codicia, o éxito e a concienciación medioambiental.

O 12 de marzo estará no Milladoiro o espectáculo Almanaque musical, da compañía Percubebés. Esta obra de música folk tradicional, e dirixida a nenos e nenas de cero a tres anos, mostra aos pequenos e pequenas o ciclo do ano con graciosas cantigas acompañadas por Pelán. Pelán ensinará o día que é, e todo o que abrangue o almanaque e a súa relación coa lúa, as mareas, o agro, as festas. A arpa de Bea e a voz de Marcelo do Bode completan o elenco facéndonos cantar e bailar sen deixar de aprender.

A obra de teatro Don Gaiferos, de Os Monicreques de Kukas, estará no Milladoiro o día 26 de marzo ás 18.00 horas. Os actores, actrices, monicreques e músicos, a modo de opereta e partindo do romance popularizado por Don Faustino, irán incorporando cancións e músicas do folclore galego. Contarase un dos milagres atribuídos ao Apóstolo Santiago que narra a viaxe do peregrino francés Gaiferos de Monmarltan ata a súa morte aos pes do santo na Catedral compostelá.

Para rematar a programación infantil, Caramuxo Teatro subirase ao escenario de Bertamiráns coa obra Catro o 16 de abril, ás 17.00 e ás 18.00 horas. Trátase dun espectáculo visual de danza contemporánea, dirixido a nenos e nenas de seis meses a tres anos de idade,  no que se xoga coa vida, coas formas, os sons e as texturas. Pretende descubrir a través da danza como linguaxe e canle de coñecemento.

Programación para o público adulto

Por outra banda, programáronse seis obras de teatro para público adulto. A primeira será A Lingua das Bolboretas, de Sarabela Teatro, que se representará o venres, 29 de xaneiro ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O espectador será testemuña do proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento da realidade e o respecto cara o próximo) e é testemuña tamén da traxedia que supuxo vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.

O segundo espectáculo para adultos representarase o 5 de febreiro, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste caso a compañía Ainé Producións representa O Montacargas. A historia narra a situación de dous homes (Ben e Gus) que están pechados nun cuarto, unha estancia miserablemente amoblada. As personaxes discuten sobre noticias de prensa e equipos de fútbol. Mentres avanzan no diálogo, Pinter dános a entender que se trata de dous asasinos a soldo á espera de misteriosas ordes que unha organización ha de transmitirlles.

En marzo a programación comeza o día 5 coa obra Sofía e a Postsocráticas, da compañía Inversa Teatro. Este espectáculo, que se representará no Milladoiro, versa sobre a violencia machista, afondando nas causas da estrutura do maltrato. A partires de tres personaxes en escena: Sócrates, Platón e Aristóteles (interpretados por mulleres) trataremos de buscar un novo logos, é dicir, un novo patrón interpretativo da realidade no que poidamos facer o cálculo do que é ou o que non é violencia machista.

Os días 26 e 27 de marzo, a compañía Contraproducións estará en Bertamiráns coa obra Mocos. Trátase dunha comedia unipersonal inspirada nunha imaxe da pandemia: uns nenos no recreo, illados en cadanseu cadrado no patio dunha escola. Que memoria gardarán diso cando crezan? É como un moco que se espalla nace un fío de divertidas historias escolares vividas e lembradas polos adultos de hoxe e que, desde o humor e a emoción, xogan cos medos e esperanzas que herdamos e deixamos en herdanza.

No mes de abril, o espectáculo de danza Pink Unicorns representarase o venres 30 no Milladoiro. A compañía La Macana presenta este auténtico desafío que fará gozar das marabillas da relación pai e fillo, da pericia de cada un.

Para pechar a programación cultural do primeiro semestre, Rebordelos representará Liberto, unha obra que se poderá desfrutar o 7 de maio en Bertamiráns. Conta en primeira persoa a historia de Ada, unha nai que ten a afrontar que o seu fillo recen nacido ten una parálise cerebral severa. Dende a forza que se atopa nos fiordos da vida, a peza amosa as artistas da maternidade e o lado máis mamífero desta, axudándonos a comprender que a propia morte é parte da vida. Liberto é un relato honesto de como xestionar a dor e seguir avanzando, un proceso primitivo, pegado ao noso animal e, por iso, dá unha peza teatral chea de vitalidade.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial