Ames querer “encher de vida as rúas” este Nadal

0

Ames, 19 de novembro do 2021 – O concello de Ames ven de presentar “Nadal con Ames na Rúa” o programa de actividades para esta época do ano co que pretenden “encher de vida as rúas” .

O Salón de Plenos deAmes a presentación da programación de Nadal coa presenza de Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; Jorge Couñago, técnico do mesmo departamento, e o alcalde de Ames, Blas García, coa asistencia das asociacións empresariais locais, empresas de ocio infantil e persoal técnico do Concello.

A programación de “Nadal con Ames na Rúa” destaca pola aposta realizada nas empresas de ocio e na conciliación, empregada como vehículo para fomentar o comercio e a hostalaría local. Así o explicou Jorge Couñago, técnico de Promoción Económica, que ademais destacou o forte impacto que ten este período nos ingresos dos pequenos negocios.

 “Con estas actividades pretendemos facilitar a vida de pais e nais, de tal xeito que poidan facer as súas compras no comercio amesán, a través de obradoiros, actividades ou directamente de programas de conciliación. Todas estas actividades van estar realizadas por empresas amesás, o que tamén é importante porque favorecemos o seu desenvolvemento”,  sinalou Couñago. “Ademais, dinamizamos as rúas das dúas principais vilas, O Milladoiro e Bertamiráns, para favorecer un ambiente de Nadal e un consumo que habitualmente supón un aumento do 60% dos ingresos durante esta época”.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que o seu Goberno quere “encher de vida as rúas” da man do tecido empresarial local, e tivo un recordo para empresas de sectores máis minoritarios, como o do ocio infantil. “Queremos encher de vida as rúas. É importante que a xente saia, ‘con sentidiño’, pero que saia, que faga actividades máis próximas á normalidade, porque é bo tanto para os que saímos como para os que se dedican a mover a economía local. Fálase moito da hostalaría e do comercio, pero sen dúbida un dos sectores que máis sufriu durante a pandemia foi o dos negocios e empresas do ocio infantil”. Ademais, recordou que seguen pendentes da evolución da situación epidemiolóxica, e que actividades coma esta non restan atención á realidade sanitaria. “Seguiremos tomando as medidas sanitarias para evitar calquera tipo de problema durante o Nadal”, recalcou García.

Acendido e obradoiros para todos os públicos

O acto inaugural do Nadal en Ames será o xa tradicional acendido, que terá lugar o 8 de decembro ás 18:30 horas na Praza do Concello, en Bertamiráns. Durante a tarde, a veciñanza gozará da actuación musical da escola de música EMMA e dunha chocolatada con churros.

Non obstante, as primeiras actividades non comezarán ata o 18 de decembro, cando se inicia o ciclo de obradoiros para todos os públicos. Cunhas 250 prazas repartidas entre 15 talleres para persoas adultas, rapazada e familias, estes pequenos cursos impartiranse ata o 3 de xaneiro de 2022. O prazo de inscrición para estes obradoiros estará aberto dende o 19 de novembro ata o 14 de decembro, cumprimentando as solicitudes para adultos ou para nenos e enviándoas ao correo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal.

A oferta de obradoiros é diversa, e inclúe actividades manuais, cociña, panadaría e outras habilidades. Os talleres para persoas adultas dispoñen de ata 70 prazas, cunha tendencia  importante á cociña e ás manualidades. Os seis cursos para este grupo de idade consisten na preparación de menús para Noiteboa, Nadal e Fin de Ano, así como a elaboración de xabóns, cestaría ou pan de bao.

O grupo máis numeroso de obradoiros son os dirixidos á rapazada, con sete talleres e 130 prazas. As actividades neste caso son moito máis diversas, e inclúen cursos de cestaría, robótica, pinta pedras ou malabares, ademais da elaboración de coroas de Nadal, xabóns ou mesmo pizzas saudables.

Por último, dous talleres estarán enfocados ao público familiar, con 50 prazas reservadas para que as persoas asistentes aprendan linguaxe de signos ou a facer unha piñata na casa.

A totalidade dos obradoiros realizaranse tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, de tal maneira que o maior número posible de veciñas e veciños poidan participar neles. As actividades terán lugar en Biosbardos Animación e en Dospasos, en Bertamiráns, e en Retumban Risas, no Milladoiro.

Para consultar o programa completo de obradoiros, pódense consultar os diferentes horarios e quendas nas fichas de inscrición para adultos ou para o público infantil.

Actividades para as máis pequenas e pequenos

Os días 23 e 24 de decembro, O Milladoiro e Bertamiráns recibirán as visitas de varios dos personaxes favoritos da rapazada. Por unha banda, un pasarrúas coas figuras de Bob Esponxa, Super Mario e o unicornio de Mickey Mouse estará nas dúas vilas en quendas de mañá e de tarde, percorrendo as rúas e sacando fotos de recordo coa veciñanza. O pasarrúas estará o día 23 en Bertamiráns e o 24 no Milladoiro, con percorridos das 11:00 ás 12:00 horas e das 16:30 ás 17:30 horas, e con paradas posteriores nos fotomatóns da Praza da Maía e na Praza Manuel Murguía, ata as 14:00 horas na quenda de mañá e ata as 19:30 horas na de tarde.

Por outra banda, e alternando días co pasarrúas, a casa de Papa Noel ocupará a Biblioteca Municipal do Milladoiro o día 23 e o Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o día 24. Os horarios para que a rapazada poida fotografarse serán de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, respectando a orde de chegada.

Conciliación para fomentar o comercio local e a hostalaría

Do 4 de decembro ao 8 de xaneiro, e en determinadas datas nas que a conciliación é máis complicada, como fins de semana ou períodos de vacacións, a veciñanza de Ames poderá deixar á súa rapazada nos locais de ocio Educalia, en Bertamiráns, e Planeta Máxico, no Milladoiro, para poder gozar da hostalaría local ou mercar nos establecementos amesáns. Para usar este servizo, terase que presentar un ticket de compra de calquera importe dalgún comercio ou local hostaleiro do concello. Poderase levar á rapazada aos locais polas mañás, de 11:00 a 13:00 horas, ou polas tardes, de 17:00 a 19:00 horas. Os días escollidos para estas actividades de conciliación son os sábados 4, 11 e 18, ademais do 22, 23 e 24 de decembro, só en horario de mañá. En ambas quendas, o servizo estará dispoñible do 27 ao 30 de decembro e os días 3, 4, 7 e 8 de xaneiro.

“Ameson de Nadal” e Prebadaladas

As últimas actividades do programa serán as actuacións do Ameson de Nadal, pensadas para as últimas semanas de decembro, e as Prebadaladas de Fin de ano, que volven por segundo ano á Praza do Concello, en Bertamiráns, tras un ano de parón por mor da pandemia. A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anunciou que nas próximas semanas aportaría máis información sobre estas actividades.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial