Ames recupera a Festa do Apego

0

Ames, 9 de xuño do 2021 – A Festa do Apego volve ao concello de Ames, organizada desde a Concellaría de Normalización Lingüística, no que será a segunda edición despois da do 2020.

O 19 de xuño a Festa do Apego celebrarse no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Haberá teatro infantil, contos, concertos, xogos e outras actividades. Coincidindo coa festa as librarías do concello ofrecerán un 10% de desconto en materiais infantís en galego durante toda a xornada.

Hoxe comeza o prazo para inscribirse nas actividades. Só é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal . hai que indicar a actividade á que se quere asistir, nome e apelidos das persoas solicitantes, idade das crianzas e teléfono de contacto.  Aquí pódese descargar o formulario.

A festa comezará ás 11.00 horas co espectáculo “Derriba da lúa”, de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Nel combínase narración oral con música para arrolar, cantar, xogar e medrar dende os primeiros meses. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Ás 12.00 horas chegan “As Armadanzas”, dirixidas a un público familiar. Montse Rivera e Mercedes Prieto traerán a Bertamiráns baile, música, animación e contos para mover o corpo e a imaxinación sen saír do asento.

A mañá continúa con contos para as crianzas de tres anos ou máis da man de Vero Rilo, que ás 13.00 horas nos ofrecerá “Outra vez!”, unha selección de pequenas alegrías, unha escolma de contos de aquí e de alá para contar sen parar.

Actividades pola tarde

Pablo Díaz e Olga Kirk abren a sesión da tarde ás 17.00 horas co seu espectáculo “Canta música”, un obradoiro concerto dirixido a un público familiar que mestura música tradicional coas cancións máis modernas dos discos de Pablo Díaz.

Ás 18.30 horas chegará o Baúl da tía Tola coa función teatral “Estrazalonia”, dirixida a nenos e nenas de 1 a 6 anos, e que pretende estimular os sentidos a través das emocións, das sensacións, da sorpresa e da ilusión.

A II Festa do Apego rematará ás 20.00 horas coa actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona, orientada a un público familiar. Esta banda reinterpreta clásicos populares galegos cun toque particular, desde A Carolina “rapeada” ata O Jato “rockeiro”, ademais doutros temas propios, con diferentes estilos como o ska, o reggae, o klezmer, a cumbia ou o tango.

Actividades permanentes

Ao longo de todo o día haberá tres actividades que estarán de xeito permanente, en horario de 11.00 a 20.00 horas, no Pazo da Peregrina e para as que non se precisa inscrición. Unha delas será o Espazo do Apego, con información sobre o programa Apego e os recursos que pon a dispor das familias. Outra actividade permanente será o Espazo de Recursos, no que haberá unha ampla mostra de materiais para facilitar a crianza en galego (contos, música, xogos…) e no que se ofrecerá asesoramento ás familias interesadas. Como novidade, este ano tamén estará dispoñible o Espazo de Xogos, que pon a disposición das persoas asistentes xogos de mesa en galego para todas as idades deseñados e creados por Brazolinda.

Colaboración das librarías con descontos e mostras de recursos

Outra das novidades desta II edición é a colaboración das librarías municipais, Lenda e Máinomen, en Bertamiráns, e O Tinteiro e Nenos Nais, no Milladoiro. Durante toda a semana, do 14 ao 19 de xuño, daranlle especial relevancia nos seus escaparates aos recursos infantís en lingua galega e, o propio sábado 19, ofrecerán un desconto do 10% en todos estes materiais.

Inscrición nas actividades

Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, e contribúe á socialización en galego das crianzas con actividades en recursos. O programa Apego ofrece información, recursos (tanto virtuais como físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Os destinatarios son familias empadroadas en Ames que agarden un bebé ou teñan crianzas de 0 a 6 anos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial