Ames, 25 de xaneiro do 2022 – O concello de Ames ven de presentar o proxecto que unificará a lavandería da louza que se usa a diario nos comedores coa cociña dos mesmos.
Esta central de lavado dos comedores escolares municipais re utilizará a antiga nave de obras en Bertamiráns, que acollerá un módulo para centralizar o lavado da menaxe dos comedores. Esta primeira actuación inclúese no programa de investimentos municipais Ames Progresa cun orzamento de 150.000 euros.
Na segunda fase do proxecto construirase a área da cociña central que terá unha superficie total de 888 metros cadrados, incluída a área de lavado. A Concellaría de Educación inicia desta forma a reutilización da nave de obras situada na avenida da Peregrina, en Bertamiráns, para acoller este módulo que supón centralizar a limpeza da menaxe dos sete comedores escolares nunha primeira fase no ano 2022, para logo abordar a centralización das dúas cociñas situadas actualmente no CEIP Agro do Muíño e na EEI do Milladoiro no ano 2023.
O pasado venres, 21 de xaneiro, o persoal do estudo Obradoiro Enxeñeiros realizou unha presentación do proxecto da central de lavado dos comedores escolares de Ames. A dita presentación acudiron o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Educación, David Santomil, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, a técnica municipal do departamento de Educación, Rosa Isabel García, e maila aparelladora municipal, Margarita Iglesias.
A zona que se construirá en esta primeira fase estará composta por unha zona de lavado, outra zona de entrada de sucio e suministros, un almacén para carros, un local de limpeza e lixo, e un local para máquinas. A unificación das cociñas, xa na segunda fase, disporá dunha área de cociña xeral e outra cociña específica para intolerancias, unha zona de frío para a elaboración de primeiros pratos, postres e pan; distintos almacéns; e cámaras frigoríficas; así como varias cámaras para a conservación do produto final; e dous vestiarios (feminino e masculino).
O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, participou na presentación e visitou cos técnicos a nave onde estará situada a central de lavado dicindo que “as actuais dimensións da rede de comedores escolares municipais, con sete centros escolares e a construción dun novo colexio no Milladoiro require unha reorganización necesaria para seguir a garantir a calidade e o funcionamento da rede”.
O alcalde, Blas García, destaca “este é un investimento de importancia porque vai a garantir a calidade dos comedores escolares, xa que mellora e centraliza as instalacións existentes ata o de agora. Comezamos co centro de lavado para continuar coa construción dunha cociña única que centralice toda a elaboración dos menús, o que é un gran avance ademais de significar un aforro no funcionamento dos comedores”.