Ames seguirá estudando a normativa de terrazas

0

Ames, 31 de marzo do 2021 – Despois da retirada do regulamento de terrazas da orde do día do último pleno o concello de Ames seguirá estudando que tipo de garantías se demandan para a consecución dos permisos.

O concello anuncia tamén a conxelación do pago de tasas ao longo do 2021. O departamento de urbanismo manterá estes días unha xuntanza para analizar a última proposta dos hostaleiros que limita a garantía a aqueles espazos que teñan unha ocupación con elementos fixos ou con tarimas que conleven un maior deterioro da vía pública.

Na xuntanza establecerase a redacción final que novamente se achegará ás asociacións e grupos da oposición. Ao longo deste ano, o Goberno mantivo xa varias reunións cos diferentes colectivos implicados para coñecer os distintos puntos de vista e poder acadar un documento sólido, consensuado e cos máximos apoios posibles.

A retirada da sesión plenaria do pasado xoves viu motivada polas alegacións presentadas polas Asociacións hostaleiras e o PP local. As tres alegacións presentadas contiñan un punto en común que facía referencia ao prezo da garantía que se solicita para a instalación das terrazas e como mecanismo de protección do espazo público.

Horas antes o concelleiro de Urbanismo e alcalde, Jose Miñones, xunto coa concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, e a asesora xurídica de Urbanismo, reuníanse cos representantes da Asociación de hostalería de Compostela e da Xuntanza de empresarios de Ames (Xea). O obxectivo desta xuntanza era trasladar o detalle dos informes técnicos conforme se levaba a cabo unha modificación da ordenanza e que atendía certas das alegacións presentadas. Unha vez debatidas as posturas desde o Goberno aceptouse buscar unha nova redacción do documento na procura de solventar o único punto de desacordo no referido á garantía a depositar por parte dos hostaleiros.

Un problema con moitas caras

O goberno municipal leva varios anos traballando nunha ordenanza que ten que servir para regular o uso da vía publica pero que afecta a negocios de distinto tipo. En xullo do ano pasado as asociacións reuníanse no Milladoiro nun encontro que, tal e como contamos en Lindeiros, evidenciou as diferenzas de opinión entre os propios hostaleiros.

En novembro publicábase un primeiro borrador que non recibía alegacións algo que destacan desde o concello “o borrador do texto que foi publicado no mes de novembro e sometido a consulta pública, xa contaba cos importes da garantía recollidos no Anexo II. Dita información pódese ver no portal web no apartado de  consulta pública onde aínda está colgado o texto íntegro da ordenanza. Isto demostra que xa no mes de novembro todos os grupos municipais coñecían a contía que se establecía para a garantía e que seguía o mesmo concepto que no caso da garantía de obras”.

Pasado os 30 días de consulta pública non houbo achegas e o texto levouse a aprobación plenaria no pasado mes de decembro co voto maioritario da Corporación e a excepción da abstención do PP local. Unha vez aprobada inicialmente a ordenanza someteuse novamente a 30 días de exposición pública onde se presentaron estas alegacións referidas á garantía. Desde o Concello sinalan “a longa exposición de consenso que tivo esta ordenanza e que mesmo ás últimas alegacións presentadas tratouse de buscar unha nova redacción máis apropiada e equitativa”.

Nova xuntanza de urbanismo

Nesta mesma semana o departamento de urbanismo volverá a ter unha xuntanza para analizar a última proposta dos hostaleiros que limita a garantía a aqueles espazos que teñan unha ocupación con elementos fixos ou con tarimas que conleven un maior deterioro da vía pública. O último informe técnico que clasificaba a garantía en función do tipo de solo, establecendo tres tipos de importes por metro cadrado, será válido para a súa aplicación a este tipo de terrazas podendo incorporarse igualmente á ordenanza. Na xuntanza deste mércores establecerase a redacción final que novamente se achegará ás asociacións e grupos da oposición. Para o Goberno “que o único punto de desacordo estea nos importes da garantía é algo positivo porque significa que os aspectos máis complicados deste tipo de ordenanza, e realmente importantes á hora da súa aplicación, están consensuados por ambas partes, o cal é todo un avance para ser a primeira vez que se regula o uso das terrazas”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial