Ames xa conta cunha ordenanza de terrazas

0

Ames, 31 de maio do 2021 – O concello de Ames conta por fin, e por primeira vez, cunha ordenanza de terrazas tras a aprobación por unanimidade no pleno ordinario de maio.

Todas as formacións políticas celebraron o acordo alcanzado e as achegas feitas ao documento, que permitiron a súa aprobación. O concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, incidiu na importancia de que “todas aquelas terrazas ubicadas en espazos que non teñan ningún tipo de intervención no medio, non susceptibles de causar algún tipo de dano, quedan exentas neste momento de constituír a fianza. Ademáis, pásase a reformular en dous tramos de 14 e 24 euros por metro cadrado ocupado, segundo o tipo de ubicación e superficie das mesmas para os outros casos”.

Tamén contou cun amplo consenso o desenvolvemento do Plan Impulsa Ames. O alcalde, Blas Garcíua, compareceu a petición do Partido Popular para informar do seu estado e anunciou unha xuntanza de traballo cos distintos grupos políticos para abordar os proxectos en curso e os pendentes. O PP mostrou o seu apoio para aproveitar todos os investimentos previstos.

No pleno de Ames tamén saíron adiante as propostas presentadas polo grupo municipal do PSOE, relativa ao Plan Forestal de Galicia 2021-2042; a do grupo municipal do BNG, en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentable; e unha moción de urxencia dos populares sobre a reposición da liña de bus de Ortoño.

Obras

Tamén por unanimidade aprobouse o proxecto técnico corrixido da obra de reparacións e mellora na Casa da Cultura de Bertamiráns, Os traballos subsanarán as deficiencias de índole formal indicadas polos técnicos da Deputación da Coruña. Tamén será corrixida a declaración de interese público provincial no expediente de acondicionamento e mellora térmica de cuberta e fachadas da Escola Infantil Municipal O Bosque.

Comisións informativas

Outro dos temas abordados foi a proposta para introducir modificacións na denominación das comisións informativas permanentes tendo en conta a experiencia de funcionamento dos dous últimos anos.

Cos votos a favor do grupo de goberno e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, e as abstencións do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, e do grupo municipal do PP, as novas comisión informativas permanentes pasan a ser as seguintes: de Administración Xeral e Atención Veciñal; de Desenvolvemento Urbano, Patrimonio Municipal, Medio Ambiente e Obras e Servizos; de Transición Ecolóxica; de Benestar Social e Promoción da Saúde; de Educación, Cultura, Lingua e Mocidade; e de Economía, Facenda e Especial de Contas. 

Xestión de limpeza viaria e Punto Limpo

Cos votos a favor do grupo de goberno e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, a abstención do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, e o voto en contra do grupo municipal do PP, aprobouse tamén a prórroga do contrato para a concesión da xestión da limpeza viaria e o Punto Limpo do Concello. É a sexta prórroga do contrato e terá unha vixencia de seis meses. O concelleiro popular, Javier Olmo, defendeu o voto en contra da súa formación ao entender que “Ames creceu moito e o contrato non se axusta á realidade do concello na actualidade. Houbo deixadez e exceso de confianza por parte do grupo de goberno”.

Décima modificación puntual da RPT

A Corporación municipal aprobou, igualmente, a décima modificación puntual da Relación de Postos de Traballo do Concello de Ames, con seis acordos que servirán para subsanar “deficiencias de carácter estrutural”, segundo o concelleiro de Persoal, Víctor Fernández.

 O responsable do departamento anunciou tamén a convocatoria dunha xuntanza a próxima semana, cos representates dos traballadores, para abordar a revisión en profundidade da RPT. O punto saiu adiante cos votos a favor do grupo de goberno, a abstención de Quique Costas e os votos en contra de PP e do concelleiro José Ramón Oulego.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial