Apego presenta a canción Vou para a cama, gravado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

0

Ames, 12 de maio de 2017.- O proxecto Apego presentou a canción Vou para a cama con letra e música de Paco Nogueiras e gravado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Ás veces, para algúns nenos e nenas o momento de ir para a cama non gusta moito, custa e é algo difícil. Para procurar mellorar esa situación cómpre establecer certas rutinas antes de ir durmir e deitarse e levantarse sempre á mesma hora, e algo que tamén pode axudar é ter un referente, como pode ser unha canción que indique e que lembre que é a hora de deitarse. A partir de aí, despois dese sinal e estímulo, pódese comezar o ambiente de relaxación e dalgúns outros rituais, como o ambiente tranquilo, a luz tenue, a lectura dun conto, música suave…

Así, para achegar un recurso en galego que poida servir como ese referente para marcar a hora de ir deitarse, o proxecto Apego, para a socialización da infancia en galego, fixo pública a canción e o vídeo Vou para a cama con letra e música do creador infantil Paco Nogueiras, autor do disco Brinca Vai! e cun vídeo gravado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Este vídeo súmase a outros da serie As aventuras de Po, que xa hai meses que se están a difundir na rede coa pretensión de achegarlles ás familias recursos en galego, e a través dos cales o polbo Po, mascota do Apego, ensina cores e froitas, os sons e nomes dos animais, as partes do corpo, a atar os cordóns, etc.

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Para ese proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia, a través do programa facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos coma virtuais, con propostas de cancións, xogos, etc.

Ademais de facilitar materias, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais (charlas, obradoiros, etc.), e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas (concertos, contacontos, teatro, etc.). O proxecto está desenvolvido de xeito cooperativo por 30 concellos de diferentes tamaños, características, etc., entre os que están as sete cidades galegas e se atopa o Concello de Ames.

As familias que están agardando un bebé ou teñen fillas ou fillas de ata 6 anos poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística de Ames para inscribírense no programa e así recibir información sobre todas as actividades e recursos que teñen á súa disposición para favorecer a crianza en galego.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial