Arzúa, 21 de maio do 2019 – A vindeira sesión plenaria do concello de Arzúa ten previsto aprobar a urbanización da rúa Fraga e o céspede artificial para o campo de fútbol.
As comisións previas ao pleno do día 23, celebradas no concello este luns, deron o visto bo a estas dúas actuacións. Urbanizarase unha boa parte da rúa Fraga do Rei na que se investirán un total de 322.395,06 euros. Como explicaba o alcalde, José Luís García, “trátase da humanización dunha céntrica rúa que precisa dunha renovación integral e que formaba parte das peticións realizadas polos veciños e veciñas da vila dende hai tempo”. As obras permitirán reformar o pavimento, as beirarrúas e as canalizacións dos servizos así como a instalación dun novo mobiliario urbano.
A sesión plenaria tamén dará luz verde á aprobación dun proxecto de renovación do céspede artificial do campo de fútbol do Viso, o goberno municipal destinará a esta finalidade algo máis de 199.000 euros. Substituirase a manta de céspede orixinal (cunha antigüidade xa de 11 anos) por un novo céspede sintético de última xeración lastrado con area de sílice e caucho. Actuarase sobre unha superficie de 6.600 metros cadrados.
O local social da parroquia de Pantiñobre tamén será sometido nas vindeiras datas a unha reforma que permitirá adecentalo para mellorar a súa impermeabilización así como para instalar algún servizo novo.
Conciliación familiar
O Concello de Arzúa publicará nos vindeiros días as bases que rexerán o programa de conciliación familiar que nas datas estivais o goberno municipal ofrece ás familias do municipio para facilitarlle a conciliación da súa vida laboral e persoal.
O alcalde levará á sesión plenaria deste xoves unha proposta de modificación do prezo público pola participación neste programa denominado Xogarzua. Trátase de establecer unha bonificación do 50% da cota a favor das familias numerosas para facilitarlles a súa participación nesta iniciativa. Establecerase tamén un cupo de exención para que 4 menores poidan participar no programa logo do informe favorable da educadora familiar do concello.
José Luis García explicaba que “o que procuramos con esta modificación é que todas as familias do municipio que teñan fillos e fillas con idades para participar no programa non queden excluídos do mesmo por unha cuestión económica; é preciso axudar a quen máis o necesita e poñérllelo un pouco máis doado se está dentro das nosas posibilidades”.