‘As aldeas non deben apagarse’ gaña a sexta edición do Concurso literario Mazarelos

0

Compostela, 17 de novembro do 2020 – O texto ‘As aldeas non deben apagarse’, de Cristina Negreira Barcia, acaba de ser recoñecido co primeiro premio da sexta edición do Concurso Literario Mazarelos, iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC.

O segundo e o terceiro premio do Mazarelos foron, respectivamente para ‘Zarapata 8D’, de Adrián Casanova Chiclana, e para ‘Paranoid’, presentado por Jennifer Torre Mira. O xurado estivo conformado pola escritora Raquel Miragaia, o escritor Gonzalo Hermo, as profesoras Teresa Moure e María Xesús Nogueira e o profesor Carlos Quiroga.

Desta volta, a temática do concurso estaba limitada: a CNL de Filoloxía determinara nas súas bases que as obras debían xirar arredor do tema ‘O galego confinado’. O xurado recomenda expresamente na acta de resolución que nas vindeiras edicións se restrinxa a temática xa que coarta a liberdade creativa dos autores e autoras. De feito, o xurado viuse na obriga de desbotar un dos relatos presentados por non se axustar á temática establecida nas bases da convocatoria.

Os premios entregaranse en decembro

Os premios Mazarelos están dotados con 700, 400 e 200 euros, respectivamente, e cadanseus diplomas honoríficos. A entrega de premios desenvolverase no mes de decembro nunha gala que terá lugar na Facultade de Filoloxía e durante a cal se dará lectura ás obras premiadas e actuacións musicais.

 O Concurso Literario Mazarelos busca fomentar a creatividade da mocidade universitaria e o desenvolvemento da súa capacidade de expresión escrita e literaria no noso idioma, así como contribuír a descubrir potenciais valores deste eido da cultura. A acta do xurado, así como toda a información sobre este concurso e as anteriores edicións pódese consultar na web do SNL, http://www.usc.gal/snl/dinamizacion/mazarelos.html

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial