As cancelacións de actividades agroman na bisbarra

0

Bisbarra, 22 de decembro do 2021 – A sexta onda do Covid e a nova variante, máis rápida nos contaxios, fai que as cancelacións de actividades comecen a agromar nos concellos da bisbarra.

Aínda que ningún concello chegou a cifras de ondas anteriores xa foron varias as actividades suspendidas. Esta fin de semana a Banda da Escola de Música de Santa Cruz de Rivadulla decidía non celebrar o festival de Nadal e o mesmo sucedía en Padrón cun festival de panxoliñas.

Brión non suspendeu actividades pero un gromo detectado no Ceip de Pedrouzos adiantou o comezo das vacacións en este centro en no IES de este concello. En Compostela a Banda de Música suspendeu o concerto o pasado domingo e o previsto para mañá xoves ven tamen de ser cancelado.

Ames, máis poboación máis risco

O concello de Ames cancelou máis de 20 actividades debido ao incremento de casos. Nun comunicado emitido este martes o concello explica que o concello ten 185 casos activos según od datos proporcionados pola Xerencia da Área sanitaria. Esto leva a incidencia acumulada a sete días de 257 e a catorce días, de 561. Esta situación provocou que varios dos Departamentos municipais con actividades previstas para estas datas tomaran a decisión de suspendelas ou adialas nalgúns casos.

O alcalde de Ames, Blas García, apelou á seguridade da veciñanza e desexou que o concello poida retomar a súa actividade habitual o antes posible. “Tomamos esta decisión nunha situación complexa, na que o coronavirus avanza de xeito rápido, mais o principal é a seguridade. Para protexer aos veciños e ás veciñas, decidimos cancelar aquelas actividades con maior risco de contaxio, agardando que a normalidade volva o antes posible ao noso concello”.

As suspensións afectan a distintos departamentos. Desde educación decidiuse suspender o Nadal Lúdico xa que , como explica o concelleiro David Santomil “Estas actividades concentran a unha gran cantidade de alumnado de diferentes idades e centros escolares amesáns, nun momento no que a situación epidemiolóxica nesta franxa de idade non é favorable”.

Unha meirande parte das actividades programadas no itinerario de Nadal da Concellaría de Promoción Económica, “Nadal con Ames na Rúa”, tamén quedan suspendidas.Os obradoiros de Nadal, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, así como o programa de conciliación “Concilia co Comercio” quedan cancelados. .

Neste senso, pronunciouse a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, que gabou a colaboración e a comprensión das empresas afectadas, todas de orixe amesá. “Debemos mostrar responsabilidade nestas datas, polo que decidimos cancelar as actividades nas que non estaba garantido o respecto da distancia de seguridade. Estamos contacto coas empresas, 100% amesás, que entenderon perfectamente que o máis importante é a saúde das veciñas e veciños”.

No que respecta ás actividades para a cativada, quedan suspendidos o Pasarrúas e a Visita Disney, inicialmente programados para o 23 e o 24 de decembro. Non obstante, manterase a visita á Casa de Papa Noel, xa que se poderá respectar a distancia de seguridade entre familias.

Os concertos do Amesson continúan na programación, mais o público que asista permanecerá sentado. Ademais, esixirase a presentación do pasaporte Covid á entrada aos espectáculos de música en directo.

Finalmente, o evento das Prebadaladas, que se recuperaba despois do seu éxito en 2019, non poderá realizarse debido ás restricións anunciadas este fin de semana, que aluden á imposibilidade de facer actos de pé nos que se sirvan aperitivos, sen esquecer a crecente cifra de casos no concello.

Por mor da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19, suspéndense os obradoiros “Decora o teu Nadal” que as Bibliotecas Municipais de Ames tiñan previsto realizar o mércores 22 de decembro na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 23 na biblioteca do Milladoiro.

O campamento urbano de natureza para a rapazada, que se ía celebrar entre os días 27 e 30 de decembro, queda suspendido por mor da mala tendencia na evolución epidemiolóxica nas últimas semanas. As familias dos rapaces e rapazas afectadas serán notificados persoalmente ao longo da xornada.

A representación da obra de teatro “Rosalía”, que ía ter lugar na Casa da Cultura do Milladoiro este próximo martes 28 de decembro, queda cancelada ao igual que outras actividades que acollían cativada en interiores, e como medida preventiva polo recente aumento de contaxios no concello. As persoas xa inscritas na actividade serán notificadas nas próximas horas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies