As denunciantes de violencia de xénero terán axuda inmediata en Boqueixón, Touro e Vedra

0

Bisbarra, 3 de decembro do 2021 – Boqueixón, Touro e Vedra axudarán de xeito inmediato ás mulleres vítimas de violencia de xénero que acudan a denunciar en horario nocturno.

Un dos problemas aos que se enfrontan as vítimas de violencia de xénero é a onde ir unha vez presentada a denuncia. O convenio actúa de xeito concreto de sete da tarde a nove da mañá, horario no que os departamentos de servizos sociais ou os Centros de Información á Muller non están operativos. Os Cuartelillos de estos concellos terán unha lista de taxistas e pensións ás que enviar ás denunciantes de xeito confidencial, uns servizos cuxo custo asumen os concellos.

Esta medida impedirá que se dean circunstancias nas que a denunciante, e as veces os fillos, teñan que pasar a noite no Cuartel da Garda Civil, na casa dun familiar ou mesmo cruzarse co denunciado. Xa pola mañá os servizos sociais encargaránse de proporcionarlle a axuda necesaria tras esa primeira noite a salvo e dirixirse ao ao Xulgado correspondente, ben de Santiago ben de Arzúa.

O convenio foi presentado polos alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; Touro, Ignacio Codesido Barreiro; e Vedra, Carlos Martínez Carrillo. Un acto que tivo lugar no salón de plenos de Boqueixón e no que participaron as técnicas de Servizos Sociais de Touro e Vedra, así como a responsable do CIM de Boqueixón.

Manuel Fernández Munín explicou que este convenio é de aplicación no ámbito territorial dos tres concellos e supón “un chanzo esencial na protección e na asistencia integral ás mulleres e menores ao seu coidado da nosa contorna, do rural. Aquelas mulleres que presentando denuncia por infracción penal relativa a violencia de xénero, ante os postos da Garda Civil que abarcan os termos municipais de Boqueixón, Touro e Vedra, terán a súa disposición servizo de transporte e aloxamento gratuíto, cando polo horario de presentación da denuncia ou pola situación de desamparo na que se atopan lles sexa dificultoso acceder de forma inmediata aos recursos que se ofertan desde a Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Igualdade”.

O alcalde Boqueixanés fixo fincapé en que “este convenio supón unha mellora moi importante na atención á muller do rural que contribúe a reforzar e a mellorar as actuacións en materia de protección ás vítimas de violencia de xénero. O traballo no ámbito rural en materia de violencia contra á muller é unha tarefa difícil. Caracterízase por ser moi tradicional, onde a violencia de xénero non é doada de percibir e ademais onde a muller sofre falta de independencia económica, de autonomía persoal e precariedade no emprego, sendo estes maioritariamente secundarios e invisibles”.

Asistencia integral

Pola súa banda, Ignacio Codesido indicou que “este convenio de colaboración entre os tres concellos supón un gran paso na asistencia integral ás mulleres vítimas e aos menores ao seu cargo. Conscientes na necesidade de continuar loitando neste ámbito, os tres concellos nos comprometemos a seguir impulsando políticas que garantan os dereitos das mulleres e dos menores co obxectivo de conseguir unha sociedade libre de medo, que é o que corresponde a unha sociedade libre e democrática”.

Neste sentido, o alcalde de Touro lembrou que “a situación de violencia de xénero require dunha resposta coordinada por parte das distintas administracións. Resulta imprescindible sumar esforzos contando coa implicación da sociedade no seu conxunto”

Non aplicación do convenio

Finalmente, o alcalde de Vedra indicou que “o ideal sería que non existise a violencia de xénero pero mentres iso non ocorra temos que poñer todo dende a administración para intentar que estas persoas superen esa situación o mellor posible. Este é un paso máis onde temos que agradecer o traballo de todos os servizos técnicos dos concellos, que fixeron un labor excepcional”.

Así, Carlos Martínez Carrillo apuntou que “este servizo de aloxamento e transporte a mulleres vítimas de violencia de xénero en situacións excepcionais pode non parecer unha gran cousa, pero cando ocorre, nese momento tan urxente, que poidan ver resolta a súa situación o agradecen enormemente estas persoas. E o compromiso é ao 100% dos tres concellos. Un paso mais, seguramente detrás deste compromiso virán outros porque o importante é que ano a ano vaiamos diminuíndo a incidencia da violencia de xénero. Ogallá non teñamos que aplicar este convenio, porque iso significará que non hai violencia, pero se o houbera sería un pasiño máis para facerlle a vida mellor a estas persoas”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial