Compostela, 12 de xaneiro do 2022 – A Asociación Galega de Asperger, ASPERGA, aumentará este mes de xaneiro os servizos e programas que ofrece desde o seu centro de Santiago.
Asperga aumentará tamén o número de profesionais sanitarios especializados orientados a mellorar as capacidades e autonomía das persoas con TEA/síndrome de Asperger.
Unha das novas propostas para o centro de atención de Compostela é a inauguración dunha unidade de atención temperá, para nenos de 0 a 6 anos. Dita unidade estará atendida por catro profesionais especializadas, unha psicóloga, unha logopeda e unha terapeuta ocupacional. “Cremos que esta unidade é fundamental e imprescindible para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA. Mellora ademais o desenvolvemento das súas capacidades, a curto, medio e longo prazo”, asegura Marisol García Penalta, directora de ASPERGA.
Así mesmo, tanto no Centro da Coruña como no Santiago a asociación continuará ofrecendo primeiras consultas orientativas, valoracións para o Diagnóstico, talleres de habilidades sociais e intervención individual e/ou grupal psicolóxica.
A Asociación conta tamén cun traballador social e un orientador laboral que ofrecen orientación e apoio aos socios, usuarios independentemente da provincia na que vivan, dentro da Comunidade Galega.
Sindrome de Asperger
A síndrome de Asperger (SA) é un trastorno de orixe neurobiolóxico enmarcado dentro dos Trastornos de Espectro do Autismo ( TEA). Como tal, está presente ao longo do desenvolvemento, os sinais de alerta pódense detectar desde idades temperás e as súas características maniféstanse ao longo de toda a vida do individuo, cunha importante variabilidade en función dos apoios que reciba e as súas propias estratexias de compensación adoptadas, entre outros factores.
O Autismo, ten unha incidencia de 1 de cada 100 nados, especialmente en homes. A cociente muller-home varía moito dependendo do estudo de referencia, desde 3-4:1 a 8:1. De todos os xeitos, a manifestación do SA nas mulleres non está exento de controversia, pois se considera que está a ser infradiagnosticado porque os síntomas reflíctense de maneira diferente.
A chamada “ tríada de Wing” inclúe as tres principais alteracións que se presentan nos TEA: relación social, comunicación e Inflexibilidade mental e comportamental. É esencial avaliar a súa manifestación na persoa (tanto a presencia/ausencia como a forma en que o fai) para poder determinar o diagnóstico de SA e os apoios necesarios.
Asperga
ASPERGA naceu no ano 2006 co obxectivo de concienciar á poboación sobre a existencia da síndrome e as súas verdadeiras características, e de contribuír a unha atención sanitaria, educativa e laboral adecuada ás necesidades das persoas con síndrome de Asperxer, participando así na mellora da súa calidade de vida e a das súas familias. Para iso, ASPERGA conta con dous centros sanitarios (A Coruña e Santiago) nos que ofrece terapia individual e grupal, ademais de realizar valoracións diagnósticas de casos con sospeita de Asperger. Así mesmo, desenvolve talleres dirixidos a persoas que presentan esta síndrome, cos que se pretende traballar as áreas nas que presentan maiores dificultades, como as habilidades sociais, a xestión emocional, a resolución de conflitos, a psicomotricidade, a comunicación, o autoconcepto, a hipersensibilidade sensoria etc. Paralelamente, organiza xornadas e outros eventos divulgativos, ademais de prestar asesoramento ás persoas con Trastornos do Espectro do Autismo ( TEA) sen discapacidade intelectual nin deterioración da linguaxe acompañada con nivel de apoio 1 e 2 e Síndrome de Asperxer, familias e profesionais da sanidade e a educación.