A idade de ferro terá o seu parque arqueolóxico no Barbanza

0

Bisbarra, 12 de maio do 2021 – O patrimonio castrexo do barbanza será posto en valor co Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro.

Os concellos de Porto do Son, Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Rianxo asinan coa Deputación da Coruña a súa posta en marcha. Porto do Son presidirán o primeiro Consello de Dirección do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro.

Iniciativa patrimonial

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero García; o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro García; o de Rianxo, Adolfo Muíños; o de Ribeira, Manuel Ruíz Ribas e o concelleiro de Porto do Son, Juan Pouso e o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, asinaron o convenio de colaboración polo que se formaliza o Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro.

O convenio aposta polo patrimonio arqueolóxico, posta en valor de recursos históricos, promoción do turismo cultural e de calidade e cooperación institucional.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que co acordo “a Deputación da Coruña suma forzas cos concellos Porto do Son, Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Rianxo para facer do patrimonio arqueolóxico, histórico e etnográfico da comarca un atractivo máis para o turismo nunha comarca con múltiples e diversos atractivos”.

No o vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, destacou que co convenio dáse un “impulso definitivo por un turismo sostíbel e de calidade, aproveitando recursos de especial interese para o territorio como é o seu riquísimo patrimonio que contribuirá a diversificar un destino coñecido por outros valores seguros como son as súas praias, a súa paisaxe ou a súa gastronomía”.

“Con este plan da Deputación imos conseguir que a Idade de Ferro se converta en ouro puro na nosa comarca”, sinalou o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Ribas mentres o alcalde de Boiro, José Ramón Romero García destacaba o “patrimonio como valor engadido ao turismo na comarca do Barbanza” e facía fincapé na colaboración institucional á hora de defender o proxecto.

“Queremos mostrar a nosa satisfacción por materializar o convenio e o impulso que supón á difusión e promoción dos monumentos castrexos da nosa comarca que queremos facer un dos eixes vertebradores do turismo cultural e histórico”, apuntou o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños ao tempo que o responsábel da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro García, consideraba que a iniciativa é “unha oportunidade para poñer en valor o patrimonio e dálo a coñecer á cidadanía”. No acto participou tamén o concelleiro de Porto do Son, Juan Pouso, municipio que asume a primeira presidencia do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou tamén as similitudes con outros proxectos nos que a área de Turismo que dirixe está a traballar en colaboración directa cos concellos do territorio como son o Xeoparque de Ortegal, o Parque do Megalitismo da Costa da Morte ou Compostela Rupestre. “Contamos cun riquísimo patrimonio que é de especial interese neste tempo en que o sector ten que botar man de todas as ferramentas para recuperarse da crise provocada pola pandemia”, sinala Xosé Regueira.

No Parque da Idade de Ferro, o Castro de Isorna, en Rianxo; os de Neixón e de Achadizo, en Boiro; o de Croa de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal, e o Castro da Cidá, en Ribeira, son algúns dos recursos dun proxecto que terá identidade propia coa posta en valor do patrimonio vinculado á Idade de Ferro.

O proxecto desenvolverá, entre outras, accións de protección e sinalización de recursos, deseño e realización de rutas ademais de implemantación de novas ferramentas para a súa difusión.

O obxectivo da comunidade intermunicipal é, segundo se sinala no texto do convenio, a “posta en valor do patrimonio arqueolóxico existente nos respectivos termos municipais, no marco das competencias propias que lle corresponden en materia de promoción económica, desenvolvemento territorial e turismo”.

A xestión estará dirixida por un Consello de Dirección do que formarán parte dous representantes da Deputación e dous de cada unha das corporacións participantes O convenio ten unha vixencia por catro anos, prorrogable a outros catro.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial