Bisbarra, 4 de setembro do 2020 – Os alcaldes socialistas da bisbarra veñen de reclamar que sexa a Xunta a que financie os gastos extras da desinfección e limpeza dos colexios derivados da pandemia.
Os concellos teñen a competencia na conservación e mantemento dos colexios públicos pero ninguén podía previr unha pandemia. Explican que “os estritos protocolos de prevención do Covid obrigarán aos concellos a multiplicar o gasto en desinfección e limpeza e contratar máis persoal, cun investimento que supón centos de miles de euros de gastos extra que non estaban orzamentados.
O asunto foi abordado nunha reunión comarcal na sede do PSdeG en Santiago na que participaron os alcaldes de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; Oroso, Manuel Mirás; Ames, José Miñones; Negreira, Manuel Ángel Leis; A Baña, José Antonio Pereira, a tenente alcalde de Teo, Uxía Lemus, o coordinador comarcal dos socialistas e deputado provincial, Antonio Leira e os deputados provinciais Mila Castro e Blas García, e na que se trataron asuntos relativos ao inicio do curso escolar.
O responsable comarcal, Antonio Leira, explicou que “os concellos socialistas están en contacto permanente cos centros, coordinando o inicio do curso para garantir entornos escolares seguros e porán a dispor dos colexios todos os recursos dispoñibles, conscientes de que a saúde dos nenos e nenas é unha prioridade”, pero censurou que a Xunta “abandone unha vez máis aos concellos” derivándolles responsabilidades pero sen transferirlles os fondos necesarios”.
Leira afirmou que os alcaldes socialistas queren saber a qué se destinan os 93 millóns de euros do Fondo Covid para educación que recibe a Xunta de Galicia do Goberno de Estado. “Non hai ningunha transparencia por parte de Educación. Se non se inviste nos colexios nin se transfire aos concellos para asumir competencias coma a limpeza, en qué pensan exactamente empregar eses fondos?”.