Bisbarra, 18 de setembro do 2020 – Optimizar e coordinar a xestión da situación epidemiolóxica en Galicia foi o obxectivo da reunión que mantiveron de xeito telemático distintos concellos da bisbarra coa Consellería de Sanidade.
O conselleiro, Julio García Comesaña, mantivo un total de catro reunións telemáticas co conxunto de rexedores daqueles concellos nos que se aplican medidas restritivas dentro das áreas sanitarias de Santiago e Barbanza, a área sanitaria de Pontevedra, a área sanitaria de Vigo e a comarca da Coruña.
Xunto a estes alcaldes tamén participaron os rexedores doutras localidades, que, malia non contar con restricións, e dada a súa proximidade aos primeiros, tamén foron convidados a asistir. No caso da bisbarra de Compostela nas reunións con Sanidade participaron os concellos de Santiago de Compostela, Teo, Ames, Lalín e Silleda.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, participando na reunión
Comezo de curso na Universidade
A USC retoma a docencia o luns 21 de setembro a través dun réxime de presencialidade segura suxeito a estritas medidas de seguridade por mor da pandemia da COVID-19. O uso da máscara vólvese obrigatorio en calquera dependencia da Universidade, medida que se suma á indispensable distancia social.
Á entrada da aula o alumnado dispón de xel sanitizante de obrigado uso. Os postos que se poden empregar estarán sinalados e numerados a unha distancia de 1,5 metros, debendo empregar cada persoa sempre o mesmo lugar. Unha vez sentada cada persoa, debe entrar na Secretaría Virtual, onde terá unha opción para rexistrar a súa presenza nesa materia, nesa aula, no número de asento que ocupe. Esta medida non ten efectos académicos.
As cifras por concellos que facilitamos en Lindeiros non saen da Xerencia do Sergas que só comunica datos globais distribuidos por áreas sanitarias. Os datos que facilitamos son recollidos por Lindeiros das informacións públicas dos concellos, de conversas directas con colaboradores ou de fontes de confianza; por esta razón pode haber pequenas variacións ao longo dos días.
Melloría xeral da situación
En canto aos datos por concellos a estabilidade volve pouco a pouco a todas as vilas. Malia os confinamentos derivados de casos en garderías e colexios o rexistros seguen a baixa ou non crecen. Na zona do Deza, a de máis incidencia nas últimas semanas, Lalín segue por riba dos 50 positivos activos pero Silleda baixa aos 24 e A Estrada informa de 10.
Ordes pola súa banda baixa a 8 persoas illadas, Santa Comba segue en 15 e A Baña segue estable en 11 casos.