Boqueixón aproba o orzamento de este ano

0

Boqueixón, 23 de outubro do 2020 – O concello de Boqueixón aprobou en sesión extraordinaria, e telemática pola crise sanitaria, o orzamento 2020 que ascende aos 3.818.684,22€.

O presuposto de Boqueixón saíu adiante cos votos a favor do PP. O voceiro do equipo de goberno, José Manuel Iglesias, explicou que “Trátase dun orzamento que está condicionado pola crise da COVID-19, polo que o podemos considerar de transición, xa que agardamos aprobar o do exercicio 2021 antes de finalizar este ano”, indicou.

Iglesias salientou que se contemplan “máis de medio millón de euros en concepto de inversións”. A maioría dos proxectos correspóndense con distintas actuacións e, máis concretamente, con 22 relacionadas con infraestruturas e servizos.

Casa do concello de Boqueixón

Parte das partidas destinadas a investimento tivéronse que adaptar á situación sanitaria actual. A adquisición de EPIS e equipos de prevención; 4.000 máscaras para entregar á veciñanza para frear os efectos da COVID-19; a solicitude ao Programa Pel-Reactiva para as axudas a Pemes e autónomos que se viron afectados pola pandemia, ou a ampliación do contrato de limpeza dos centros escolares do municipio con reforzo da desinfección dos espazos foron algúns dos gastos imprevistos que precisaron de financiamento. Iglesias engadiu que “hai unha consignación orzamentaria específica para dar resposta ás familias que se atopen en dificultades económicas como consecuencia da situación sanitaria”..

A oposición votou en contra xa que consideran que se trata dunhas “contas continuistas”. E instaron ao goberno local a incorporar no orzamento 2021 máis partidas para axudar á poboación prexudicada pola crise da COVID-19.

Iglesias adiantou que as vindeiras contas terán entre os seus obxectivos, “concentrar axudas e actuacións en paliar os efectos derivados da crise sanitaria, mediante a canalización de axudas propias ou doutras administracións para poder axudar á poboación directamente afectada”. Outro dos obxectivos a cumprir a través das contas do vindeiro exercicio pasará por “achegar a fibra óptica á veciñanza de Boqueixón á que non lle chegue este servizo a través da subvención do Programa de Extensión de la Banda Ancha de Nueva Generación. Buscaremos unha solución para completar a cobertura a nivel global do concello”, concluíu o voceiro do grupo de goberno.

Pos+2020

A sesión extraordinaria serviu tamén para modificar o POS+2020 da Deputación e substituír dúas actuacións por outras tantas de igual investimento contempladas no documento inicial. As novas obras serán o arranxo do viario que une os núcleos de Loureiro e Corna e a mellora dunha pista no lugar de Vilar (na parroquia de Sergude). Este punto tamén foi aprobado cos únicos votos do executivo popular.

Transporte metropolitano

Finalmente, deuse luz verde á adhesión do Concello de Boqueixón ao convenio de colaboración conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de Santiago de Compostela. Manuel Fernández Munín será o representante do Concello de Boqueixón nas distintas reunións que se levarán a cabo para a organización deste servizo.

O rexedor indicou, ao respecto, que “xa lle trasladamos a Mobilidade unha serie de melloras que consideramos se deben aplicar no transporte metropolitano ao Concello de Boqueixón. Entre elas, o incremento de frecuencias de autobuses coincidindo cos horarios de entrada e de saída a centros de ensino e de postos de traballo”.

Un extremo que foi apoiado dende a oposición, que se abstivo na votación. O voceiro de Veciñ@s de Boqueixón, trasladou outras propostas de mellora como a solicitude de creación dunha app específica para o transporte metropolitano e o acondicionamento dun aparcadoiro disuasorio en A Susana. O executivo local recolleu estas propostas indicando que as porá sobre a mesa no debate das melloras do transporte metropolitano de Santiago.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial