Boqueixón aproba o Plan de Mobilidade Urbana Sostible

0

Boqueixón, 13 de maio – O concello de Boqueixón aprobou en pleno o que será o primeiro Plan de Mobilidade Sostible do concello (PMUS).

O Plan de Mobilidade é unha ferramenta, en palabras do alcalde Manuel Martinez, “de planificación de actuacións para mellorar a mobilidade dos veciños e veciñas de Boqueixón a curto, medio e longo prazo, e sempre baixo os principios de eficiencia e eficacia”.

Estudo e enquisa de mobilidade

Este Plan xorde do estudo realizado pola empresa redactora e unha enquisa realizada a través da web municipal. De estas dúas vías saen datos como que a veciñanza realizan unha media de 9.000 viaxes diarias, das que máis de 8.500 teñen lugar no propio municipio ou a concellos veciños como Santiago ou Vedra. A motivación destas viaxes é fundamentalmente por razóns de traballo ou asistencia médica, sendo o vehículo particular o medio máis empregado.

O Plan de Mobilidade tamén serve para recomendar xeitos de promover o uso de modos de transporte sostibles, especialmente o transporte público, ou a posta en marcha de máis sendas peonís e ciclistas. “Evidentemente, se todo estivera perfecto, non precisaríamos deste Plan nin de facer ningunha actuación no futuro”, indicou o voceiro municipal, José Manuel Iglesias, quen lembrou que “precisamente, o obxectivo deste plan é contar coa maior información posible para facer propostas de mellora”.

O PMUS foi aprobado inicialmente en pleno e agora será exposto publicamente durante 30 días hábiles para recoller achegas e melloras antes de elevalo a definitivo. “Ademais, este plan é preceptivo para poder optar a determinadas axudas”, lembrou Fernández Munín.

Prevención da dependencia

O Pleno tamén aprobou por unanimidade o Regulamento para o programa de prevención da Dependencia, unha iniciativa que aposta por manter a autonomía físico-cognitiva dos maiores do municipio para proporcionarlles unha maior calidade de vida e facilitarlles a súa permanencia nos seus domicilios o maior tempo posible.

De acordo co regulamento, este programa está aberto a 15 persoas maiores de 60 anos, en situación de risco, que vivan soas, que teñan unha dependencia recoñecida e tras unha valoración por parte dos Servizos Sociais municipais.

As actividades terán lugar entre setembro e xuño, todos os martes e xoves, de 16:00 a 20:00 horas, no Local Social de Vigo. O prezo é de 25 euros por trimestre para persoas que se despracen soas e 25 euros por mes para as persoas que precisen de servizo de transporte adaptado. Unhas cifras que poden ser bonificadas, previo informe dos Servizos Sociais de Boqueixón.

Este programa leva operativo dende o ano 2010 e inclúe actividades como xerontoximnasia, debates, musicoterapia, obradoiro da memoria, psicomotricidade, etc.

Finalmente, o Pleno acordou tamén por unanimidade uns cambios na composición da Mesa Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero de Boqueixón, Touro e Vedra. Así, tomouse coñecemento da incorporación de Sara Barbazás, en representación do centro de saúde de Touro, e a incorporación do xefe da Policía Nacional de Santiago en representación do programa VioGen.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies