Vedra aposta pola mobilidade eléctrica con dous puntos de recarga

0

Vedra, 13 de maio do 2022 – O concello de Vedra ven de instalar dous puntos de recarga para vehículos eléctricos no Centro de Saúde e no centro de Emprendemento A Estación.

A instalación de puntos de recarga é un dos compromisos asinados no “Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía” ao que o concello de Vedra se sumou no seu día. Este compromiso está asinado por 7.000 alcaldes de toda Europa-

A venda de vehículos de gasoil e gasolina vai en claro devalo, e os eléctricos puros avanzan con incrementos cada ano superiores ao 50%. Vendéronse na Europa 2,3 millóns de automóbiles enchufábeis só en 2021 e as fábricas de automoción están a transformar cada ano máis liñas de produción cara a tecnoloxía eléctrica.

En este contexto o impulso desde os concellos é fundamental e a colocación de puntos de recarga forma parte da iniciativa. No caso de Vedra son catro cargadores intelixentes de 22KW. Sitúanse no Centro Médico na propia parroquia de Vedra e Na Estación, en Santa Cruz de Ribadulla. Estes puntos estarán operativos as 24 horas do día.

Cada poste de recarga oferece actualmente una potencia máxima de 22 kW, que poden completar a carga dun vehículo medio nun tempo de dúas ou tres horas. A instalación soporta até 44 kW só con ampliar a potencia contratada coa compañía eléctrica se se precisar no futuro.

O tipo de cargador é dos chamados semi-rapidos, que traballan en “modo 3”, con tensión trifásica de 400 V e diálogo intelixente cos vehículos para a máxima efectividade na xestión das baterías. 

Empregan o conector “Tipo 2” (chamado tamén Mennekes) claramente predominante en toda Europa. O usuario ha levar o seu propio cable de carga adaptado ás características do seu vehículo. É a práctica habitual, que ademais evita os roubos do cable do poste polo valor do cobre que contén, e facilita tamén o mantemento para o concello ao ser a peza que máis sofre co uso.

O manexo do cargador é sinxelo e directo. A carga iníciase automaticamente ao enchufar o cable. Un piloto luminoso no cargador guía por cores o que hai que facer segundo describen as indicacións por iconas rotuladas no poste, facilitando a súa integración na rede europea de puntos de recarga ao ser independente do idioma. 

Estes cargadores fan tamén o balanceo intelixente de potencia entre os dous vehículos que estean conectados, dependendo da fase de carga na que estea cada un, a temperatura que vai acadando a batería, etc. Desenvólvese así a máxima eficiencia no proceso de carga e no aproveitamento da potencia eléctrica dispoñíbel.

O concello ten conexión vía Internet cos postes para supervisar o seu estado de funcionamento en cada momento, o número de cargas realizadas, a enerxía dispensada, e mesmo modificar telematicamente os límites de potencia e outros parámetros do sistema.

Aproveitamento da potencia contratada sobrante

A instalación adáptase dinamicamente para aproveitar o sobrante de potencia contratada do edificio municipal ao que se anexou o poste. Así dá un servizo á cidadanía en base aos custes fixos do recibo eléctrico na medida en que sobren en cada momento do uso principal e prioritario do edificio. Por tanto, no centro médico -por exemplo- nos intres de máis actividade sanitaria pola mañá, a carga pode ser máis lenta, e polas noites a carga vai ser a máxima potencia e aproveitando a tarifa enerxética super-reducida do recibo.

Isto permite ao concello ofrecer inicialmente un servizo de carga pública e libre sen custes excesivamente gravosos para as arcas municipais.

O sistema permite no futuro aplicar fórmulas de tarificación, aínda que como se indicou nace coa vocación e o compromiso dos concellos para facilitaren a transición enerxética imprescindíbel na recuperación do equilibrio climático e a economía.

Investimento e tecnoloxía con empresas de Vedra

A concellaría de Promoción Económica,  Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a cargo de José Caldelas, impulsou este proxecto adxudicando o deseño, execución e coordinación da instalación á cooperativa tecnolóxica Strelia Electrotecnia, na que traballan veciños do concello de Vedra.  No proceso de licitación, esta oferta foi a máis vantaxosa tanto no aspecto económico como no técnico, fronte ás das outras empresas que ofertaron.

Ademais, a execución dos cadros e instalación eléctrica especializada foi realizada por un dos instaladores habituais do concello, Lino Casal. As obras de acondicionamento foron desenvolvidas directamente cos recursos propios do concello colaborando a concellería de Infraestruturas e Obras, a cargo de Enrique Vázquez. Agradécese ademais a colaboración de veciños como Abelardo Rendo, propietario dun vehículo eléctrico que participou nas diferentes fases de proba. As unidades electrónicas instaladas son da marca “Wallbox” (modelo Copper SB), de fabricación integramente española. 

En conxunto desenvolveuse un traballo coordinado e efectivo, con importantes elementos de innovación tecnolóxica, e que sae adiante con éxito pola motivación, compromiso, alta cualificación técnica e implicación de todo o persoal mencionado. O investimento económico realizado por un importe de 10.240€ reverteu directamente en empresas e persoas do concello, promovendo con feitos reais a actividade económica local innovadora e tecnolóxica. 

A infraestrutura instalada contou ademais coa axuda económica do programa MOVES II tramitada polo concello a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), cubrindo un 40% do montante principal do proxecto.

Rede europea con parada óptima en Vedra

Os puntos públicos de recarga están activados nas plataformas de procura e planificación para a condución de vehículos eléctricos, aparecendo así Vedra na rede europea de recarga. 

Vehículos eléctricos en ruta pola bisbarra, e mesmo circulando pola autoestrada AP-53 ou a estrada N-525, van ser atraídos automaticamente ás parroquias de Vedra ou Ribadulla para a recarga no momento óptimo do seu percorrido, podendo estas persoas aproveitar a parada dun par de horas para un xantar, mercar ou visitar estes lugares do concello.  Os postes coas súas características están activos nas plataformas ElectroMaps, GoogleMaps, ChargeMap, OpenChargeMap e LoveSharing e Nextcharge.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies