Brión aproba os Orzamentos de este ano

0

Brión, 22 de abril do 2021 – O Pleno Municipal de Brión aprobou, nunha sesión telemática, os Orzamentos Municipais para 2021, que ascenden a 6.710.037,97 euros.

Os orzamentos de Brión redúcense nun 0,52% con respecto aos do 2020. Unhas contas que saíron adiante co voto a favor do PSOE e o PP, e a abstención do BNG.

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explicou que “mantemos as inversións en servizos sociais, cultura, transportes, emprego… aínda que as cifras xerais recollan pequenas baixadas debido a que pola pandemia este ano non presupostamos actividades que sabemos que non se van poder facer como a Viaxe dos Maiores ou a Festa dos Vellos”.

A voceira municipal socialista, Sandy Cebral, fixo fincapé en que “na elaboración do orzamento participan tanto os técnicos como os concelleiros, polo que consideramos que é o mellor orzamento que podemos facer nestes momentos”.

Máis de 400.000 € de inversión de recursos propios

Os orzamentos de Brión preséntanse equilibrados en gastos e ingresos: 6.710.037,98 euros. A partida destinada a gasto corrente en bens e servizos medra un 1,67%, sobre todo polo mantemento dos servizos básicos e por unha importante suba nas consignacións destinadas á atención das necesidades xurdidas pola crise sanitaria da Covid-19.

O Capítulo VI de Investimentos Reais ascende a 763.475,71 euros, dos que o Concello de Brión financiará 483.557,91 euros con fondos propios. Neste capítulo contémplanse os 248.698,79 euros do POS + 2021, que se destinarán a catro proxectos de obras: pavimentación da travesía de Bastavaliños (Bastavales), ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga nas aldeas de San Salvador (San Salvador de Bastavales) e O Cabo (Os Ánxeles), mellora das redes de saneamento e pluviais da aldea de Tourís (Luaña), e ampliación das redes de abastecemento e saneamento na aldea de Lamiño (Brión).

A maiores, o Concello de Brión destinará máis de 165.000 euros a obras de mantemento de espazos públicos, mellora das cubertas dos centros sociais (San Salvador de Bastavales e Os Ánxeles), a actuacións de mellora dos centros de ensino (CEIP de Pedrouzos e Gardería Municipal), mantemento e dotación de parques infantís, así como melloras no alumeado e mobiliarios públicos ou pequenas obras demandadas pola veciñanza como a reparación dun muro en Saíme. Tamén se contemplan case 200.000 euros para a compra dun novo tractor para a roza de camiños e estradas así como material para a brigada de obras municipal (entre o que se inclúe un camión de terra e un dumper).

Finalmente, o capítulo de gastos de persoal medra un 7,35% (2.598.782,44 euros) debido principalmente ao incremento das retribucións dos empregados públicos (recollido na Lei de Orzamentos Xerais do Estado) e á dotación orzamentaria para unha modificación da relación de postos de traballo (RPT). Os gastos financeiros suman tan so 7.600 euros, se ben esta cifra é un 49,02% máis co ano pasado debido ao incremento experimentado polas comisións bancariasno último ano.

O Capítulo IV (transferencias correntes) suma 559.744,62 euros e na súa maior parte vai destinado aos compromisos do Concello de Brión como membro da Mancomunidade Serra do Barbanza, xestora do servizo de recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos. Unha partida que sofre un incremento do 18,09%, debido principalmente ao aumento das cotas neste exercicio como consecuencia dun auto xudicial, que levou aparellado a actualización do canon dende o 2008.

Ingresos por novas edificacións

No que atinxe ao capítulo de ingresos, o máis sorprendente foi a previsión do incremento dun 54,9% no Imposto sobre Construcións e Obras. De feito, a Interventora municipal explicou que no 2020 xa se recadaron 30.000 euros máis sobre o previsto e que, de acordo cos expedientes que figuran actualmente no Departamento de Urbanismo, é previsible que se supere o 40% de incremento rexistrado no exercicio anterior. Pola contra, prevese un descenso do 1,79% dos ingresos en taxas e prezos públicos como consecuencia da non realización de actividades, cursos, escolas culturais e deportivas… como consecuencia da pandemia sanitaria. Os impostos directos (IBI, IAE e IVTM) medran un 2,51%.

Finalmente, as transferencias correntes medran un 8,13% por un lixeiro aumento na participación nos tributos do Estado e á consignación das axudas concedidas pola Deputación Provincial, sobre todo os 140.000 euros achegados no POS+ Adicional 2021 para gastos sociais extraordinarios para facer fronte á Covid-19. Para este ano non está prevista ningunha operación de crédito.

Debate plenario

A voceira do PP, María Fariña Bellón, xustificou o voto favorable do seu grupo en que “a pesar de que esperabamos máis achegas en servizos sociais, cultura e educación, sei que estamos nun ano complicado e que son uns orzamentos considerables que buscan o mellor posible para Brión”. Unha argumentación que tamén seguiu o voceiro do BNG, Xosé Luís Penas, para xustificar a abstención do BNG: “o orzamento cumpre as normas legais. É máis do mesmo, agardabamos moito máis”.

De feito, aínda que recoñeceu que Brión é un Concello que se caracteriza por “un elevado índice de execución do orzamento”, Penas insistiu en que “botamos en falta máis achegas a servizos sociais”, denunciando que as achegas a Servizos Sociais, Emprego, Transporte ou Cultura experimentan pequenas baixadas con respecto ao exercicio anterior. Así mesmo, cualificou de “excesivo” a marxe da Regra de Gasto e criticou o incremento do gasto en servizos prestados por outras empresas e profesionais.

Sobre estes dous últimos puntos, o alcalde brionés cedeulle a palabra á Interventora municipal, quen explicou que os 226.000 euros de marxe son correctos xa que “se os ingresos son os que son, non poden aumentar os gastos”. Así mesmo, indicou que nesa partida de servizos prestados por outras empresas e profesionais figuran os servizos de limpeza extraordinarios pola Covid-19 ou o gasto dos monitores para o mantemento do servizo de comedor no CEIP de Pedrouzos.

Pola súa banda, o alcalde de Brión pediulle ao voceiro do BNG un exercicio de realidade: “os números están aí, pero vostede sabe que a realidade é a que é. Que se baixa un 1% en Servizos Sociais é consecuencia de actividades que non se fan pola pandemia, como a Festa dos Vellos, a Viaxe dos Maiores, o baile dos sábados, as actividades culturais… non porque se quite nin un euro dos Servizos Sociais”.

Unha situación que se produce noutros departamentos. “Non é que o Concello deixe de investir no transporte metropolitano, é que a propia Xunta nos dixo que os 20.000 euros que consignamos todos os anos nunca se cubriron, polo que o que estamos facendo é un orzamento máis realista”.

Outro exemplo é o departamento de Cultura, onde a non realización dunha feira de Santa Minia como en edicións anteriores supón un importante descenso dos gastos. Non haberá grandes orquestras en Santa Minia pero “si teremos unha segunda edición do programa Brión coa cultura, que incluirá espectáculos polas distintas parroquias do municipio da man do sector cultural brionés, que é do máis numeroso e variado que hai na contorna”, explica Sandy Cebral, voceira socialista e concelleira de Cultura.

Resto da sesión

O Pleno aprobou tamén a segunda modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello para a creación de dúas prazas adscritas ao departamento de Urbanismo: un/unha arquitecto/a (persoal funcionario) e un Oficial de Primeira (persoal laboral), así como unha nova configuración no Departamento de Cultura, Ensino, Música e Novas Tecnoloxías, que estarán baixo a figura dun Xestor Cultural Coordinador. Este último non é un posto de nova creación, senón que supón que o Técnico de Cultura actual recupera as competencias en materia de espectáculos teatrais e actuacións musicais. A proposta saíu adiante cos votos a favor de PSOE e PP, coa abstención do BNG.

O resto dos puntos foron acordados por unanimidade, como a actualización do IPREM na ordenanza fiscal da escola infantil municipal, que mantén os mesmos prezos. Tamén se aprobou a rectificación do inventario de bens municipais e a constitución dunha Mancomunidade co Concello de Ames para a xestión da ETAP Ames-Brión. Finalmente, aprobouse un recoñecemento extraxudicial de créditos de 28.031 euros para o pago de facturas, sobre todo as correspondentes ao alumeado público municipal de decembro.

Por último, na quenda de mocións aprobouse unha moción conxunta de BNG-PSOE-PP para instar á convocatoria dunha Asemblea na Mancomunidade Serra do Barbanza, que non ten lugar dende outubro. Ademais, ínstase á Mancomunidade á elaboración dun Plan de Acción con vista ao ano 2023.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial