займ срочно

Novas inversións da Deputación no concello de Brión

0

Brión, 28 de decembro do 2021 – Unha senda peonil en Murentáns e melloras na estrada provincial DP-1301 serán as novas inversións da Deputación en Brión tras unha petición do alcalde, Pablo Lago.

Lago reuniuse co presidente provincial, Valentín González, para analizar as necesidades máis inmediatas do municipio. O alcalde agradeceu “a visión e a axilidade coa que o presidente da Deputación recibiu as nosas propostas de construír unha senda peonil en Mourentáns, tanto por un lado coma outro da estrada, e rematar o acondicionamento da DP-1301, dende o cruce de Vilar ata Amañecida”.

O entre provincial encargarase da redacción do proxecto e da súa execución, que se espera acometer entre os anos 2022 e 2023. Pola súa banda, o Concello de Brión ocuparase de negociar coa veciñanza a entrega dos terreos precisos para a execución das sendas peonís e a ampliación da DP-1301.

Lago Sanmartín agradeceu a gran receptividade de Valentín González “a dúas obras que mellorarán, e moito, a seguridade da nosa veciñanza xa que no caso de Mourentáns falamos de tramos de tráfico moi intenso por onde a xente non dispón case nin de beiravías para transitar; mentres que no caso da DP-1301 falamos de corrixir varios tramos nos que a estrada se estreita moito e dificulta a coexistencia segura do tráfico de vehículos cos desprazamentos de peóns”.

Finalización das obras de Liñares

O alcalde brionés aproveitou a reunión para transmitirlle ao presidente provincial a necesidade de axilizar o reinicio das obras de ampliación e mellora de trazado nos primeiros 400 metros da DP-1301 en Liñares, visitados polo presidente provincial na súa última visita ao municipio. Estas obras forman parte do proxecto de mellora da seguridade viaria na DP 1301 da Gándara a Amañecida, cun investimento de 462.000 euros.

Unha actuación que se completou nos tramos entre o punto quilométrico 3+520 e 5+870, onde se mellorou a rasante do tramo, se ancheou a superficie da calzada e se renovou completamente a capa de rodaxe. Porén, as obras contempladas nos primeiros 400 metros da mesma estrada non están rematadas, debido a unha nova renuncia da empresa adxudicataria das obras.

Así, a día de hoxe só están acometidas as obras de desmonte nos primeiros 400 metros, pero restaría a ampliación da calzada ata os sete metros de ancho, a creación dunhas beiravías de medio metro de ancho e, sobre todo, a ampliación dunha pequena ponte entre os puntos quilométricos 0+304 e 0+330, cun novo taboleiro formado por unha viga en dobre T e con lousa de compresión formigonada in situ.

As obras inclúen tamén a execución dun novo sistema de drenaxe e recollida de pluviais que mellore as condicións de circulación con choiva. “Agradecémoslle tamén ao presidente da Deputación que aceptara a nosa petición e aproveite o reinicio das obras para deixar lista a canalización para o soterramento do cabreado do alumeado público”, sinalou o alcalde brionés,, quen agradeceu as desculpas do presidente provincial pola demora nos traballos.

Estas obras foran adxudicadas pola Deputación Provincial da Coruña en febreiro de 2019 por 114.791,3 euros. A pesar de ter un prazo máximo de execución de tan só 5 meses, a empresa quebrou, deixando unicamente feito o desmonte preciso para o ancheamento da estrada. Algo máis dun ano despois, en xullo de 2020, as obras reiniciáronse e procedeuse a traballar na cimentación da nova ponte, porén os traballos volveron a paralizarse ata o día de hoxe.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies