Brión Inclúe, catro anos crecendo pola igualdade

0

Brión, 7 de decembro do 2021 – O programa de actividades pola igualdade Brión Inclúe cumpre catro anos e chega aos doce días de eventos e actuacións.

Brión Inclúe chega con  contacontos en lingua de signos, espectáculos de danza, humor, teatro e música para todos os públicos. Unha oferta organizada polo Concello de Brión, xestionada por Culturactiva, subvencionada pola Deputación da Coruña, cofinanciada por Gadis e Froiz e coa colaboración de Hotel Balneario Compostela e Restaurante Kratos.

O alcalde de brión, Pablo Lago, explicaba na presentación que “Como alcalde, teño que dicir que é un pracer ver como este festival se foi facendo un oco na nosa programación cultural, medrando ano a ano e implicando cada vez a máis axentes do noso pobo”. Lago estivo acompañado por Fran Rei, coordinador do Festival Brión Inclúe; Sandy Cebral, concelleira de Cultura; e Alberto Álvarez, técnico de Cultura.

Novidade: actividades en todos os colexios e con artistas locais

Tras máis dun ano marcado pola pandemia, Brión Inclúe volve prestando especial atención a artistas e entidades locais como Ruth Cundíns, Asociación Art For Dent, a Escola de Pandeiretas de Brión e diversos establecementos comerciais. No mesmo sentido, e por primeira vez, os catro centros educativos de Brión participan no festival. “Acadar a plena inclusión non é posible sen educación e sen implicar ao público máis novo, por iso dende a administración consideramos fundamental levar proxectos pioneiros como Brión Inclúe ás nosas escolas e institutos”, indicou o alcalde brionés.

As sesións de contacontos que levarán a cabo na Federación de Persoas Xordas tiveron lugar na Unitaria dos Ánxeles (mércores 1 de decembro, ás 10:00 e ás 10:45 horas; e o xoves 2 de decembro, ás 10:00 horas), na Unitaria de Sabaxáns (xoves 2, ás 11:30 horas) e continuarán no CEIP de Pedrouzos  (luns 13 de decembro, ás 9:50, 10:50 e 11:40 horas).

Novidade: coprodución do propio festival

Tamén por primeira vez presentarase unha coprodución do propio festival e Pedro Brandariz: Inclucontos, cuxa estrea mundial terá lugar o venres 10 ás 18:00h no Centro social polivalente. O outro prato forte desta IV edición será a obra El Triciclo, da Escola Municipal de Teatro Ricardo Iniesta de Úbeda, que recibiu un Premio Max de las Artes Escénicas o pasado ano. A obra representarase o sábado 11 ás 20:00h no Centro social polivalente, e o día anterior o público terá a posibilidade de coñecer á responsable do proxecto, Nati Villar, nun encontro nese mesmo centro.

O obxectivo de Brión Inclúe é, por un lado, servir de escaparate para aqueles colectivos que traballan na inclusión social a través das artes, e, por outro, normalizar e visibilizar a diversidade funcional como parte propia da cidadanía a través das creacións culturais de persoas con distintas capacidades. Un festival que tamén aporta integración ás familias destas persoas, que vivirán a integración real, o acceso integral á cultura e os beneficios que isto achega á elas mesmas e a toda a sociedade.

Programación aberta ao público

Toda a programación terá lugar no centro social polivalente de Brión. Todas as actividades son de balde, previa reserva de entradas en billeteira.concellodebrion.gal. A programación é a seguinte:

Venres 10 de decembro.

11:00 horas. Espectáculo Saabor! De Culturactiva Producións para colectivos de diversidade funcional.

18:00 horas. Estrea mundial do espectáculo Inclucontos, de Pedro Brandariz. Coprodución do Festival Brión Inclúe.

19:00 horas. Encontro con Nati Villar, Premio Max de las Artes Escénicas de Carácter Social 2020.

Sábado 11 de decembro.

20:00 horas. Espectáculo El Triciclo, de la Escuela Municipal de Teatro Ricardo Iniesta de Úbeda (Jaén).

21:00 horas. DJ Inclusivo Montxo 6. Sesión de funky, pop e disco.

Domingo 12 de decembro.

12:00 horas. Sesión vermú dinamizada por Pedro Brandariz, coa actuación de Ruth Cundíns, Chungo Pastel e a Escola de Pandeireta de Brión.

Presentación Mari Bárbola de Art for Dent. Proxecto mural.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial