Brión busca financiamento para renovar o noventa por cento do alumeado

0

Brión, 21 de xaneiro do 2022 – Brión vén de presentarlle ao IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) un proxecto para renovar o noventa por cento do alumeado do concello.

O proxecto denominado “Renovación das instalacións de alumeado público do Concello de Brión” está orzamentado en máis de dous millóns de euros. Este investimento renovará 3.145 lámpadas distribuídas en 118 cadros eléctricos cunha potencia total de 348.29,5 vatios, o 90% do alumeado total.

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explica que “despois dos 285.000 euros investidos na mellora do alumeado público nas parroquias dos Ánxeles, Brión e Boullón, agora imos cambiar a LED todo o alumeado público de Brión, cubrindo todas as áreas que teñen déficit de alumeado e instalando unha tecnoloxía moito máis eficiente ca actual. Isto permitiranos ofrecer un mellor servizo ao tempo que reducimos o consumo eléctrico e coidamos do noso medio ambiente”.

Maior eficiencia e aforro

Na actualidade, Brión conta cunha potencia instalada de 348.229,5 vatios, cun consumo de enerxía de 1.462.563,9 kW/h e un custe de 212.364,28 euros anuais. Unha vez executado este proxecto, a potencia instalada reducirase a 175.087,5 vatios, o consumo de enerxía baixará a 551.525,63 kW/h e o custe da factura eléctrica para o Concello descenderá ata os 80.081,52 euros, é dicir, un aforro de máis de 132.000 euros cada ano.

Neste proxecto están incluídos un total de 3.145 puntos de luz, cunha potencia media instalada de 110,72 vatios e con 4200 horas anuais de funcionamento. Uns equipos que serán substituídos por luminarias LED que, xunto coa instalación de trinta reloxos astronómicos, outros 20 reloxos mecánicos de patillas e 94 fotocélulas, permitirán un aforro enerxético do 62,29%. “Coa instalación destes equipos de telexestión nos cadros eléctricos conseguirase un maior control sobre o consumo e á hora de actuar no caso de futuras avarías, contribuíndo a mellorar a eficiencia e a calidade do servizo a veciñanza”, destaca Pablo Lago.

O aforro está causado tanto pola redución da potencia das lámpadas LED fronte ás actuais de descarga, como por unha mellor xestión do fluxo lumínico: tanto pola súa redución durante a noite como pola correcta utilización das ópticas, que dirixen a luz aló onde é precisa e evitan a contaminación lumínica. Como exemplo, os equipos actuais emiten un 15% do fluxo total ao hemisferio superior, mentres que coa nova tecnoloxía este valor será inferior ao 5%. Por todo isto, a certificación enerxética de todo o alumeado público brionés pasará a ser A.

Para poder executar este proxecto, o Concello de Brión solicita unha axuda de 1.653.707,19 euros por parte do IDAE, achegando o 20% restante a través de fondos propios. Un proxecto que ten un prazo de execución de catro meses e que, en todo caso, deberían estar rematadas antes de setembro de 2023.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies