Bisbarra, 2 de decembro do 2020 – A Xunta impulsa a serie documental ‘Camiñantes do noso’ que pon en valor a visión dos anciáns sobre o Camiño de Santiago.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta na presentación de Camiñantes do noso, que conta co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o actor e produtor Rubén Riós, presentarán en rolda de prensa o proxecto Camiñantes do noso, pertencente ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.
Camiñantes do noso, explicou García, “ten o acerto de poñer en valor o papel da xeración dos nosos anciáns e anciás na creación da Galicia presente e futura, en destacar todo o que nos transmitiron”. Fixo especial fincapé no papel que a lingua e identidade galegas teñen nesta produción audiovisual e en poñer ás antigas xeracións como modelo, “porque as xeracións máis novas temos a responsabilidade de recoller ese legado e entregarllo aos que veñen atrás nosa”.
Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación Rubén Riós, protagonista, autor e produtor do proxecto.
10 capitulos pola Vía da Prata
Camiñantes do noso, produción de Claqueta Coqueta é un documental en 10 capítulos no que o autor percorre a Vía da Prata desde A Canda a Compostela. Neste percorrido, vai buscando a maxia da mirada dos maiores das poboacións polas que pasa para destacar así a vontade, as ensinanzas, as tradicións e os recordos deste sector da poboación tan castigado pola pandemia da covid-19.
Os testemuños destas persoas xiran en cada programa arredor dun tema, como o Camiño de Santiago, o abandono rural, a soidade, a actual crise sanitaria, a familia, o orgullo galego, a violencia de xénero ou o emprendemento empresarial. A través da visión deles, ponse en valor a identidade galega que se foi creando arredor da cultura e da lingua que nos transmitiron.
Os 10 capítulos de Camiñantes do noso iranse publicando semanalmente a partir do vindeiro venres, e ata o 5 de febreiro de 2021, no Portal da Lingua Galega, onde xa se pode ver un adianto.
Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021
O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, ao que pertence Camiñantes do noso, é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19. O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.