Compostela, 3 de decembro do 2020 – O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou a mostra Ricardo Carvalho Calero. A voz presente, no Auditorio de Galicia.
A mostra está promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Associaçom Galega da Lingua (AGAL) no marco da programación institucional conmemorativa das Letras Galegas 2020. O proxecto expositivo sobre Carvalho Calero estará ata o 7 de marzo de 2021, comisariado polos profesores Carlos Quiroga e Xosé Luís Rodríguez.
Durante o acto, o titular de Cultura e Educación invitou á cidadanía a “mergullarse e afondar en cada unha das dimensións que ao longo da súa vida foi desenvolvendo e cultivando Carvalho Calero” co obxectivo de que o seu legado continúe “máis presente ca nunca”. O Conselleiro destacou a importancia de que a mostra se inaugure en Compostela porque “permite que o profesor regrese a unha cidade imprescindible na que exerceu o seu maxisterio desde a primeira cátedra universitaria de lingua e literatura galegas”.
A exposición retrata a figura, vida e obra de Carvalho Calero arredor dunha ducia de paneis, un audiovisual e un díptico explicativo (reformulado en código QR para adaptalo ás medidas de seguridade sanitaria e protocolos derivados da crise da Covid-19). En cinco destes paneis, preséntase unha liña de tempo con datos relativos ao percorrido vital do autor, os espazos onde este se desenvolveu, as circunstancias políticas que o rodearon e a súa obra.
A continuación, outros cinco céntranse en aspectos da súa figura e do seu legado. Así, o primeiro deles aborda o seu traballo como filólogo e divulgador, tanto da literatura como da lingua galega. O segundo, baixo o título de A obra, ocúpase da faceta do creador literario, mentres que o terceiro, Lugares vitais, afonda na súa relación con Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela. Os cuarto panel, pola súa banda, ocúpase da súa posición con respecto á norma ortográfica do galego. O último, denominado Intelectual honesto, mostra a súa actitude vital independente, crítica e comprometida ao longo dos anos.

20,00 h.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurará a mostra Carvalho Calero. A voz presente. No Auditorio de Galicia (avenida do Burgo das Nacións, s/n).
foto xoán crespo
02/12/2020