A Casa de Rosalía cumpre 50 anos

0

Padrón, 15 de xullo do 2021 – A Casa de Rosalía na Matanza, en Padrón, cumpre 50 anos e o celebra cun acto institucional.

Foi o 15 de xullo de 1971 cando abría as súas portas a Casa Museo de Rosalía. O espazo inagurábase grazas as achegas de centos de persoas e entidades de todo o país e da emigración.

A xornada botará a andar, as doce e media, co “Rosalía en Camiño” cun encontro en Iria (na Casa dos Capeláns, a carón da igrexa de Iria) entre poetas locais (María Vilas, Noelia Gómez, Paula Antía Rey e Cándido Duro) e os poetas participantes destas xornadas (arriba indicados). Pechará o recital o cantautor Secho.

As oito da tarde, xa na Casa de Rosalía, O comisario Pepe Barro disertará sobre os “Cincuenta anos da Casa de Rosalía” e entregaráselle a Rosa de Galicia póstuma a Xosé Ramón Barreiro, cunha laudatio de Xosé Luís Méndez Ferrín.

O acto da tarde contará ademais coa actuación de Eliseu Mera (barítono) e Cándido Cabaleiro (piano), e un recital multilingüe con poetas chegados desde toda a Península: Anna Gas, Antón Blanco, Alba Cid, Berta Piñán, Genaro da Silva, José Rui Teixeira, Tere Irastortza e Luz Pichel.

Un ano de celebracións

A Casa da Matanza abriu ao público o 15 de xullo de 1971, pero non foi ata o ano seguinte cando sería musealizada en base ao proxecto realizado por Xosé Filgueira Valverde. É por iso que as celebracións e actividades deste 50 aniversario durarán un ano, de xullo de 2021 a xullo de 2022.

Nas vindeiras semanas e meses sucederanse múltiples actividades relacionadas co aniversario. O sábado 17 de xullo celebrarase a terceira edición do festival Abride a Fiestra, con actuacións de Uxía, Verto ou Berlai, entre moitas outras actividades.

Tamén se celebrarán nos vindeiros días as xornadas Rosalía en Camiño (Diálogos literarios multilingües, do 15 ao 17 de xullo) e a Inchadiña Branca Vela, homenaxe a Rosalía das xentes do mar, o 24 de xullo. Con motivo deste cincuentenario tamén haberá unha exposición itinerante sobre a historia desta institución e reformarase o auditorio da Casa-Museo.

50 anos de historia

A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo. A Casa da Matanza convertiuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración.

O Patronato Rosalía, creado en 1947, convertiuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Pouco despois da morte de Rosalía a casa da Matanza fica baldeira. Despois de varios intentos, é mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. Ata 1951 non se realizou a primeira restauración, segundo planos de Gómez Román. Pero foi a partir da presidencia de Sixto Seco cando en 1971, baixo a dirección de Fernández-Albalat, cando se puido inaugurar como Casa-Museo o 15 de xullo dese ano. Da montaxe e dirección do Museo encárgase Xosé Filgueira Valverde.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial