Chané será o protagonista dun espectáculo musical o 29 na Quintana

0

Compostela, 17 de xullo do 2017 – Un gran espectáculo musical galego-cubano recordará ao compositor José Castro González, Chané, no centenario do seu pasamento.

Imaxe dapresentación na Deputación da Coruña

Unha selección de músicos de varias nacionalidades, liderados polo pianista cubano Alejandro Vargas, xunto coa voz de Rosa Cedrón, ofrecerán una visión nova e libre de prexuízos das populares músicas dun dos compositores imprescindibles da Historia da música galega.

Chané é un dos compositores galegos imprescindibles de fins do século XIX e comezos do XX e un dos artífices da creación da Canción Galega de Concerto, do movemento coral contemporáneo e, en definitiva, da Música Popular Urbana Galega.

Chané na Habana aborda a totalidade da obra conservada do xenial compositor galego, por primeira vez e dunha maneira inédita: desde o sentir musical cubano. O autor de clásicos como Os Teus Ollos ou Un Adios a Mariquiña viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana e neste 2017, cen anos despois da súa morte, varios músicos de catro nacionalidades distintas abrazan e reelaboran o seu repertorio para devolvelo cunha nova vitalidade ao maxín popular galego.

Só se ofrecerán dous concertos deste singular espectáculo musical dedicado a Chané e producido por aCentral Folque coa colaboración da Deputación da Coruña e dos Concellos de Santiago de Compostela e da Coruña. Será dentro das festas patronais das dúas cidades, a estrea será o 29 de xullo na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, e despedida, na Praza de María Pita, o 3 de agosto. Despois, editarase un disco conmemorativo que se presentará en outono nas vilas de Rianxo e Melide. Serán as derradeiras ocasións de gozar ao vivo coa grandeza deste espectáculo único.

A recuperación dun músico imprescindible

A vida e a obra de Chané están fortemente ligadas ás cidades de Santiago de Compostela, A Coruña e A Habana. En Santiago naceu e adquiriu formación musical da man do seu pai (o primeiro Chané), converténdose nun neno prodixio da guitarra e da bandurria e xirando, coa Rondalla Chané, por cafés e teatros de Galiza, Portugal e España.

De adolescente estableceuse na Coruña, onde se consagrou como o músico galego máis popular do momento, en pugna cos grandes mestres Pascual Veiga e Juan Montes, responsables os tres da creación do movemento orfeonístico galego e da popularización da Melodía galega de concerto. Chané dirixiu o Orfeón El Eco, formación de referencia co que gañou moitos concursos e recoñecementos, no só en Galiza, senón tamén en Barcelona, Madrid ou París. Nesta cidade é premiada a súa obra A Foliada, na que por vez primeira introduce elementos da música tradicional galega nas súas composicións.

Marchou a Cuba no 1883, reclamado polo Centro Galego da Habana, onde se encargará do coro Ecos de Galicia e da formación musical no Centro Galego. Logo virían a creación da Sociedad Coral Gallega, de Os Cantores Celtas, o primeiro coro folclórico galego da emigración, a súa implicación en empresas culturais como a creación da Academia Galega ou a súa fraternal amizade com Manuel Curros Enríquez, do que musicaría textos emblemáticos como Un Adiós a mariquiña. Esta e outras obras de Chané despertarán o interese de grandes nomes da lírica internacional como Marino Aineto, Lucrecia Arana, Chalía Herrea, Ofelia Nieto ou Conchita Supervía, grazas ao cal pasa a ser un autor habitual en salas de concertos de Europa e de America e tamén nos catálogos discográficos da incipiente industria fonográfica internacional. A súa popularidade exténdese internacionalmente e pasa a converterse nun mito en vida, ao que as principais personalidades da cultura galega e da música visitan cando viaxan a Cuba.

Finou na Habana en 1917, pero o Centro Galego da Habana transportou axiña os seus restos mortais a Galiza, onde foron recibidos cunha gran caravana fúnebre. Chané recibiu sepultura, con todos os honores, á beira da tumba de Curros Enríquez, no cemiterio coruñés de San Amaro, no que foi o enterro máis multitudinario dun músico na Historia de Galiza.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies