Chega o outono

0

Bisbarra, 22 de setembro do 2021 – O outono chega esta noite, 21.21 horas, e durará ata o 21 de decembro as 16.59 horas, momento no que entraremos no inverno.

Para os amantes da astronomía o outono trae tamén cita a ter en conta. Un dos máis salientables será a choiva de estrelas Xemínidas, unha das máis importantes do ano e que terá o seu máximo o 14 de decembro. José Ángel Docobo, responsable do observatorio da USC, explica que  “Nesta ocasión, coa Lúa pasada a fase crecente, vai ser máis complicado poder observar os máis de cen meteoros/hora previstos para os intervalos de máxima actividade”, Outras choivas de estrelas, como as Oriónidas de outubro ou as Leónidas de novembro presentarán menor intensidade.

Docobo engade, sobre a estación, que  “Xúpiter e Saturno, que agora pódense ver perfectamente a simple vista cara ao sueste a primeiras horas da noite, vanse poder observar durante todas as noites desta nova estación”. A Lúa estará “aparentemente preto” de ditos planetas durante uns días en cada un dos vindeiros meses, nomeadamente nos intervalos de tempo comprendidos do 12 ao 16 de outubro,  do 9 ao 12 de novembro, e do 7 ao 10 de decembro. “Cómpre asemade destacar a conxunción Lúa-Venus  preto da estrela Antares no solpor do 9 de outubro”, matiza o investigador da USC. Xusto antes do amencer do 10 de novembro, polo leste, sairán xuntos os planetas Mercurio e Marte, e nas derradeiras semanas do outono “asistiremos a unha curiosa aliñación de Xúpiter, Saturno e Venus, logo do solpor”.

A eclipse total de Sol do 4 de decembro só poderá verse en Sudáfrica, na Antártida, e no Atlántico sur. Porén, dende Galicia, será posible observar os primeiros momentos da eclipse parcial de Lúa do 19 de novembro, coa Lúa poñéndose cara o oeste. En torno aos días 8 de outubro, 5 de novembro e 4 de decembro, agárdanse mareas vivas ao coincidir a mínima distancia Terra-Lúa (perixeo lunar) co novilunio.

Sobre o outono Docobo di que “De forma semellante ao que acontece cando se inicia a primavera, estamos en datas nas que teoricamente a noite e o día teñen a mesma duración, de aí a orixe da palabra equinoccio coa que se coñecen estas dúas épocas do ano”.

Verán nebuloso en Compostela 

En canto á meteoroloxía, o verán en Compostela foi máis ben seco pero con bastante nebulosidade, sobre todo en xullo. As temperaturas tamén foron modestas con só seis días por riba dos trinta graos. A máxima tivo lugar o 17 de xullo con 35º, seguidos dos 33º4 do dia anterior. En agosto foron os dias 13, 24 e 27, con 30º5, 30º7 e 31º3, respectivamente, mentres que o 5 de setembro alcanzáronse 30º2. A máxima máis baixa correspondeulle ao 5 de xullo con só 17º5.

En canto ás temperaturas mínimas, a máis baixa foron os 9º9 do 18 de setembro e a máis elevada, a rexistrada o 5 de setembro, 19º5. Xullo foi tamén un mes de pouca insolación, algo máis de 209 horas, 63 menos que agosto. A chuvia estivo presente en 36 xornadas, se ben en once delas foi inapreciable (menos de 0,1 l/m2), destacando os 81,2 l/m2 das tres primeiras semanas de setembro, logo os 29,8 l/m2 de xullo, os 18,6 l/m2 de agosto, e os 5,2 de finais de xuño.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial