Denunciarán á empresa Monbus pola situación do transporte interurbano na bisbarra

0

Bisbarra, 2 de maio do 2022 – A FGAMT-CIG de Compostela denunciará na Inspección de traballo á empresa Monbus por fraude no transporte interurbano e escolar da bisbarra de Compostela.

O sindicato denuncia que Monbus non só incumpre cuestión en material laboral, tamén di que estableceu UTES para saltarse a limitación do cincuenta por cento de concesión de liñas que se saltaría a lexislación que evita os monopolios. Cambios nas condicións de traballo e imposibilidade de cumprir horarios son algunhas das denuncias que levarán á inspección

Un monopolio na práctica

Inácio Pavón, da FGAMT-CIG de Compostela, explica que para saltarse as limitacións legais que impiden crear monopolios e que unha mesma empresa supere o 50% neste sector público concesionado, “o que fixo Monbus foi mercar empresas familiares e constituír UTEs con 7, 8 ou 10 empresas, a gran maioría deste grupo, para concorrer aos concursos, de xeito que formalmente non figurara o grupo como gañador das concesión”.

Porén, é Monbus quen, na práctica, pon a totalidade de condutores/as e autobuses, o que, indica, “é facilmente comprobable só con ver os que circulan na área de Santiago”, onde “o monopolio é total” porque ademais do transporte interurbano e do escolar ten tamén o urbano e todas as infraestruturas que isto conleva.

Cambios nas liñas

Son moitas as queixas dos concellos e usuarios da bisbarra sobre os cambios nas liñas de autobús. En ocasións estes cambios producíronse sen previo aviso o que tivo como consecuencia que quedara xente na parada. Outras veces os cambios afectan directamente a escolares e traballadores que teñen que adiantar ata unha hora toda a súa programación para poder chegar a tempo ao traballo ou á escola.

Segundo explica Pavón a empresa destina en moitas ocasións ao mesmo condutor do transporte escolar para o metropolitano. A consecuencia disto, o persoal “non é capaz de cumprir cos horarios de todas as liñas que teñen que facer” o que está xerando un grandísimo malestar en asociacións de veciños, ANPAS e mesmo familias que ven como os pequenos chegan tarde aos colexios; como nas liñas que habitualmente empregaban non se lles están respectando os horarios ou como, directamente, algunha foi suprimida “sen que a administración faga nada”.

Cambio nas condicións de traballo

A cuestión é que parello a isto, desde o momento no que gañou as concesións Monbus procedeu a unha modificación masiva das condicións de traballo. “Inicialmente os responsables da empresa dicían ao persoal que tivera paciencia, que ao facerse cargo de tanto tiñan un problema de organización, pero o único que pretendían era que pasaran as datas para poder facer reclamacións e que logo quedaran consolidadas esas condicións de traballo”.

Entre outras cuestións, Pavón denuncia que non se entregan cuadrantes segundo marca o convenio, que obriga a telos a semana feita e as dúas seguintes. “Só nalgúns casos entregan cuadrante cos descansos do mes pero os servizos a realizar mándanos ao móbil o día anterior a última hora e fóra de horas de traballo co que os condutores e condutoras non poden organizar a súa vida porque non saben se traballarán de mañá ou de tarde, porén a inmensa maioría, non conta co cuadro de descansos. Ademais teñén á xente permanentemente pendente do móbil de empresa para todo, cambio de bus, liñas, horario,…”

O persoal tampouco percibe na maioría dos casos o correspondente ao plus de interrupción de xornada, nin dietas, nin horas de presenza e as horas extra que non se pagan con carácter xeral. “Un aforro sobre o custe real do servizo que a administración paga e que se embolsa a empresa”, denuncia.

Ademais moi maioritariamente só se conta como tempo traballado o horario da liña e nin se computan, nin se pagan os tempos antes e despois do servizo, como os destinados a preparar o autobús, darlle aire, posicionamento nas cabeceiras, os de repostaxe e lavado. Uns tempos que en conxunto superan a hora diaria.

A isto únese que a empresa alonga as xornadas coas horas de presenza a 13-14 horas diarias, en ocasións deixando horas tirado ao condutor nunha localidade fóra do seu domicilio e que, ao contar mal os horarios, case nunca se respectan as 12 horas entre xornada, o que Pavón considera especialmente grave, sobre todo “cando o primeiro que se fai na xornada seguinte é o transporte escolar”.

A esta listaxe de incumprimentos da legalidade en materia laboral, o representante da FGAMT-CIG de Compostela engade que tampouco se fixa o calendario de vacacións polo que, a esta altura, a maioría do persoal non sabe cando colle as vacacións este ano cando, ademais “as do ano pasado sen coller”. Isto ademais das rutas e horarios “irrealizables” que lles impoñen, sen que á empresa pareza importarlle malia as múltiples queixas polo incumprimento reiterado dos horarios das liñas.

Unha situación que consideran, desde a FGAMT-CIG de Santiago que representa “unha fraude masiva que se debe poñer en coñecemento da autoridade laboral e ser denunciado publicamente”.

Presión laboral

A presión que sofre o persoal é tal que hai traballadores e traballadoras que pediron a baixa voluntaria porque non podían soportala e moito persoal, sobre uns 30 condutores/as que están de baixa, maioritariamente por estrés relacionado coas condicións laborais. Unha situación enrarecida pola ausencia de medidas de conciliación, que nunca se facilitan e que quen pode gozar delas é porque as reclamou no xulgado e polas que sofren continuas represalias na asignación dos cuadrantes e asignación de vacacións.

Unha das escusas que, segundo Pavón, emprega Monbus de forma recorrente para xustificar esta gravísima situación é que non atopa condutores. Nese sentido lembra que xa desde decembro de 2020 se vén denunciando a situación dos condutores da liña do Aeroporto de Santiago, que tras non ser subrogados e malia ter gañado as sentenzas e ser declarado improcedente o seu despedimento, a empresa se negou repetidamente a readmitir.

As condutoras e condutores, ademais destas condicións laborais teñen que realizar o seu traballo en coches vellos e caducados que “son un perigo na estrada”, di Pavón, quen asegura que “están en tan mal estado que meten auga, están sen retarder (freo auxiliar), teñen mal os freos, os cambios de marcha desfeitos ou mesmo portas que se abren en marcha.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies