O cine ao aire libre chega a Cidade da Cultura cunha homenaxe aos Beatles

0

Compostela, 13 de xullo do 2017 –  A Cidade da Cultura de Galicia pon en marcha este serán o ciclo de cine ao aire libre no marco do ‘Atardecer no Gaiás’ 2017.

A primeira sesión será unha homenaxe a The Beatles polo 50 aniversario do disco ‘Stg. Pepper’s Lonely Hearts Club Band’ cunha pinchada a cargo de Alfonso Espiño e a posterior proxección do documental ‘Eight Days a Week’, que repasa a historia da banda de Liverpool.

O ‘Atardecer no Gaiás’ arrancará mañá na Cidade da Cultura  ás 21 horas na praza central cunha selección musical a cargo de Alfonso Espiño, recoñecido músico, DJ e coleccionista de discos. Irredento fan dos Beatles, Espiño achegará ao Gaiás unha mestura de clásicos da banda de Liverpool, así como rarezas e cancións cedidas por Lennon e McCartney a outros artistas, ademais doutros temas nos que se recoñece a pegada do Stg. Pepper’s a través dos tempos.

Tras a sesión musical, os espectadores poderán asistir á primeira sesión de cine deste 2017: o documental ‘Eight Days a Week’, a cinta dirixida por Ron Howard co permiso de todos os membros da banda e das súas familias. O documental repasa a historia de The Beatles e a relación entre os catro mozos que revolucionaron a historia da música con imaxes inéditas dos seus primeiros anos e concertos.

Música brasileira e galega

‘Atardecer no Gaiás’ continuará mañá venres, 14 de agosto, na Cidade da Cultura con Boogarins, banda brasileira que combina, á perfección, a tradición do tropicalismo cunha ollada moderna ao rock cantado en portugués. Na praza central do Gaiás, os Boogarins presentarán o disco sorpresa que veñen de publicar hai tan só uns días: Lá Vem a Morte, que se une aos seus deus traballos anteriores polos que foron nominados aos Grammys Latinos.

O fin de festa do ‘Atardecer no Gaiás’ desta semana será o sábado cun dos conxuntos músico-vogais con máis tirón do panorama musical galego: Familia Caamagno. Na Cidade da Cultura ofrecerán un dos seus afamados e enérxicos shows con cancións que van desde o rock bailongo e acelerado á escuridade garaxeira ou os 60’s máis clásicos.

Todas as citas de ‘Atardecer no Gaiás’ comezan ás 21 horas na praza central da Cidade da Cultura. A entrada é libre e de balde. E o último bus para baixar do Gaiás é o C11 e ten lugar ás 22:45 horas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies