Comezan as obras do orbital de Santiago

0

Compostela, 26 de novembro do 2020 – O Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, supervisou o inicio das obras do orbital de Santiago xunto co alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo.

Losada subliñou hoxe que a Ligazón Orbital converterase nunha peza fundamental na Rede de Estradas do Estado en Galicia. O Delegado engadiu que supoñerá un antes e un despois no desenvolvemento económico e urbano da zona norte da capital de Galicia ao permitir unha circulación máis fluída, máis rápida e máis segura que a actual.

Máis mobilidade

Javier Losada destacou que a ligazón permitirá todos os movementos posibles entre a AP-9 e a A-54. Tamén mellorará substancialmente a conexión co aeroporto de Lavacolla, que gañará un acceso directo por vía de alta capacidade e gratuíta desde a autoestrada do Atlántico, que actualmente debe facerse por estrada secundaria. Por último, facilítase substancialmente a conexión cos polígonos do Tambre, Costa  Vella e Sionlla, aliviando tráfico pesado e reducindo retencións en horas punta, tanto no Periférico como na ligazón de Santiago Norte.

Esta actuación estará completa cando se execute o  Orbitaliño, unha obra que, como indicou o delegado, segue avanzando na súa redacción no Ministerio de Transportes, que actualmente se atopa resolvendo as alegacións presentadas na fase de información pública ambiental.

O alcalde, Sánchez Bugallo, cualificou de “primordial para Santiago” esta obra. O rexedor quixo facer fincapé en que se “mellorarán notablemente” as comunicación de toda a comunidade porque “ao final o norte e o sur de Galicia trenzan nesta zona”. Tamén se verán beneficiadas as conexións co aeroporto de Lavacolla, “que move o 60% do tráfico en Galicia”.

Características técnicas

O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana investirá 22,5 millóns de euros na construción da nova vía, de 1 quilómetro de lonxitude, que parte do km  91 da A-54 na ligazón actual de San Marcos e conecta co km 64,5 da AP-9. Ademais, executará un pequeno tramo cara ao norte para enlazar co vial autonómico existente que dá acceso ao Polígono Empresarial da Sionlla-Costa  Vella.

A nova Ligazón Orbital terá unha configuración tipo diamante con glorieta superior con catro ramais que permitirán realizar todos os movementos posibles entre a autoestrada AP-9 e a A-54. O vial terá unha plataforma con calzadas separadas, cada unha con dous carrís por sentido de 3,5 metros de ancho, mediana de 3,00 metros, beiravía exterior de 2,50 metros e interior de 1,00 metro.

Construiranse varias estruturas: dous pasos superiores para a glorieta elevada sobre a AP-9, unha ampliación dun paso inferior, a reposición dun paso superior na AP-9, un paso superior e un inferior para a reposición de camiños veciñais no tronco do vial de conexión, un desprazamento de pilas no tronco da A-54 para aloxar o tramo de  trenzado e un muro de 356  m de lonxitude no ramal de saída da AP-9 dirección Santiago de Compostela.

O prazo de execución da obra é de 30 meses e a execución efectúaa a UTE Francisco  Gomez-Arias Irmáns-Taboada e Ramos, creada por tres empresas galegas. O custo total resulta de sumar o montante da execución, 19,1 millóns, cos custos derivados de proxectos e expropiacións necesarias.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial