Composcleta comezará a mobilizarse contra a nova normativa de circulación de Compostela

0

Compostela, 13 de abril do 2021 – O colectivo Composcleta anuncia mobilizacións contra o borrador da nova Ordenanza de Circulación do Concello de Santiago.

A Asociación Cívica Composcleta márcase como obxectivo paralizar a aprobación do borrador dunha ordenanza de circulación que limitaría e castigaría o uso da bicicleta como medio de transporte na cidade.

Composcleta lanzou o pasado venres unha campaña de recollida de sinaturas co obxectivo de paralizar o borrador proposto polo goberno local de Santiago. Ademais, A Asociación anunciou a convocatoria dunha “bici-manifestación” o día 17 de abril, coa que animan á veciñanza de Compostela a amosar o seu rexeitamento a unha ordenanza de circulación “claramente anti-bicicletas”.

Desde o colectivo explican que “cando a oposición levou a pleno a proposta de actualizar a ordenanza de circulación do concello, era co obxectivo principal de favorecer o uso de bicicletas na cidade. Todos os grupos votaron a favor desta proposta excepto o PSOE, quedando aprobada por maioría”. Composcleta considera que, lonxe de promover o uso da bicicleta como medio de transporte, o borrador da nova Ordenanza fai todo o contrario, pondo impedimentos ás persoas que empregan a bicicleta, e amosando unha vontade sancionadora sen sentido.

Prohibición na zona vella

Entre as normas que o goberno local quere aprobar destaca a prohibición total de circular en bicicleta pola zona vella, as sancións por estacionar a bicicleta en calquera lugar que non estea habilitado ese fin, malia que a maioría de rúas da cidade non dispoñen deste servizo , ou a prohibición de circular por beirarrúas en calquera caso, mesmo para as crianzas, mentres que os patinetes eléctricos si poderían facelo en determinadas circunstancias.

A Asociación lamenta que o goberno local dea un paso atrás en mobilidade sostible cando a maioría de cidades europeas, incluíndo A Coruña e Vigo, están apostando polo uso da bicicleta. Por iso, Composcleta reclama que o goberno local recapacite e paralice o borrador desta ordenanza e solicita a elaboración dun novo documento que promova o uso da bicicleta e que “transforme as rúas de Compostela nun espazo inclusivo, sostible e accesible para todas as persoas”.

A “bici-manifestación” sairá da Alameda o sábado 17 de abril ás 12 da mañá, e percorrerá as rúas do centro, San Roque, Basquiños e Xoán XXIII, para rematar na praza do Obradoiro.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial