Composcleta segue recollendo apoios para aumentar o uso da bicicleta en Santiago

0

Compostela, 22 de marzo do 2021 – O presidente PP de Compostela, Borja Verea, e a vicevoceira, María Castelao, reuníronse cos representantes de Composcleta Faustino Gómez e Enrique Agrasar para analizar a situación na que se atopan os usuarios de bicicleta en Santiago.

Un dos asuntos que se analizaron foi a nova Ordenanza de Circulación presentada polo concello e que restrinxe aínda máis o uso da bicicleta en Santiago. A normativa reduce as posibilidades de aparcamento, con limitacións de velocidade superiores ao do resto de cidades ou cunha listaxe de sancións desproporcionada.

Para Borja Verea “a bicicleta non é un problema, é unha solución. Fai falla unha estratexia contundente que aposte pola mobilidade alternativa, nomeadamente, polas bicicletas”. Verea considera que “ter uns centos de metros de carril-bici en Clara Campoamor e outros tantos, desconectados, en Fontiñas parece máis unha broma que unha estratexia seria pola mobilidade alternativa, estratexias que levan anos seguindo as cidades máis avanzadas de Europa, exemplo que non deberiamos ter ningún complexo en intentar seguir”.

Pola súa banda, o representante de Composcleta, Faustino Gómez destacou que “Santiago ten moitas posibilidades para potenciar o uso da bicicleta” e puxo de exemplo os Campus Universitarios utilizados diariamente por milleiros de mozos. Gómez engade que o “deseño viario e as infraestruturas da cidade non favorecen o uso da bici, senón que conseguen todo o contrario e tampouco axudan os máis de 175.000 coches que circulan a diario pola cidade. A mala rede viaria xera moita inseguridade aos potenciais usuarios que ao final acaban botándose atrás”.

Tamén aproveitaron os representantes da asociación para denunciar a falta de diálogo co concello. Composcleta di non entender “como os responsables de mobilidade aínda non nos recibiron, sendo a principal asociación de usuarios de bicicleta na cidade, despois de ter pedidas varias reunións”, engadindo que “respondeunos antes o Comisario Europeo de Política Rexional que o concelleiro de mobilidade da nosa cidade”.

Tanto Borja Verea como a vicevoceira, María Castelao, aseguráronlle á asociación que o PP de Santiago “traballará na Ordenanza” presentada pola Concello “para que esta non sexa un castigo para as bicicletas e poida converterse nunha oportunidade e un primeiro paso cara a unha política de mobilidade que esté na liña do que piden as sociedades hoxe en día, e deixar atrás concepcións máis propias de hai 30 anos”.

O deputado compostelán tamén destacou que “as prohibicións totais e preventivas para as bicicletas no Casco Histórico por parte dos seus veciños non teñen sentido, ogallá houbese un problema de exceso de bicicletas e estivésemos obrigados a regulalo, pero estamos prohibindo o que non existe” e iso “son precisamente as sinais que desde as institucións non podemos mandar, as bicicletas serán as protagonistas da mobilidade do futuro, das xeracións que están en camiño, e temos que ir empezando a traballar nesa liña”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial