Compostela, 8 de setembro do 2020 – Camiño Escena Norte está de volta para unha segunda edición que pretende consolidar unha iniciativa pioneira de intercambio cultural e escénico entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.
A programación de Camiño Escena Norte en Galicia terá lugar do 13 de setembro ao 11 de outubro con oito funcións e seis espectáculos chegados das outras autonomías que, asemade, poderán disfrutar de dúas obras galegas.
O ciclo foi presentado na Praza do Obradoiro coa presenza de Juan Rodríguez, presidente de Escena Galega, como promotora do proxecto; Diego Vázquez Meizoso, coordinador de Escena Norte (e xerente de Escena Galega); e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), en representación da Xunta de Galicia, alén das compañías implicadas.
O proxecto bota a andar o vindeiro 13 de setembro en Compostela para rematar tamén aqui o 11 de outubro. Mentres, a caravana Escena Norte pasará tamén por Mondoñedo (19 setembro), Lugo (20 setembro), Ribadeo (25 setembro), Sobrado dos Monxes (27 setembro), Vilalba (4 outubro) e Arzúa (10 outubro).
Son oito funcións e seis espectáculos: “Quitamiedos”, de Iñaki Rikarte (Kulunka Teatro, Euskadi); “Tal vez soñar”, de Sandro Cordero (Hilo Producciones, Cantabria); “La loka historia de Frankenstein”, de Pep Vila, Anacelia Álvarez y Roca Suárez (ACAR Teatro del Mundo, Asturias); “Amarillo caído del cielo”, de Juan Carlos Fernández Izquierdo (Ruído interno, Cantabria); “Celeste”, de Chantal Franco e Patricia Toral (Luz, Micro y Punto, Asturias); e “Basoa” (Dantzaz, Euskadi). [Todos de balde, ver condicións de acceso de cada espectáculo na web]
Mentres en Galicia poderemos ver estes espectáculos astures, cántabros e vascos, dúas compañías galegas amosarán as súas últimas producións nestes territorios: elas son La Macana, con “Pink Unicorns”, que poderá verse en Gijón, Villaviciosa, Torrelavega e Mutriku; e La Quintana Teatro, con “Desde lo invisible”, en Navia, Oviedo, Laredo e Castro Urdiales.
O Camiño Expandido
Escena Norte achega actividades paralelas co nome de O Camiño Expandido, que inclúe unha exposición titulada “Ultreia. Que foi Camiño Escena Norte 2019?” do 14 ao 30 de setembro na Biblioteca Pública Ánxel Casal, e tamén encontros online coas compañías participantes, para profesionais e abertos ao público, ademais de actividades de mediación arredor dos espectáculos que se programan.
Toda a programación na web do ciclo