Compostela presenta a programación do 25N

0

Compostela, 18 de novembro do 2021 – Santiago de Compostela presentou este mércores a campaña conmemorativa do 25N centrada nas  violencias cotiás que non se ven.

A concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, foi a encargada de presentar a campaña do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. A imaxe de este ano está deseñada pola artista Uqui Permuy, a imaxe dun iceberg que simbnoliza que hai máis oculto que a vista.

O lugar elixido para a presentación foi a  Casa Xohana Torres. A campaña 25 N segue a ser tamén Compostela en Negro, unha acción que naceu en Santiago exportándose a outras moitas outras cidades de Galicia, España e mesmo do estranxeiro.

No acto, xunto a Mercedes Rosón, estivo a deseñadora da campaña Uqui Permui, e as artistas Mónica de Nut, Masako Hattori e Marta Alonso que representaron unha pequena mostra do que poderemos ver nos escaparates os días 24 e 25.

Mercedes Rosón fixo fincapé na importancia de detectar este tipo de actitudes dende o momento inicial: “o primeiro paso para rematar con este feminicidio, é asumir que existe unha violencia contra as mulleres presente no noso sistema e froito dunha sociedade patriarcal. E o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller é unha boa datar para recordalo”, indicou.

Máis alá da punta do iceberg

A imaxe do cartel da campaña deste ano, que se poderá ver tamén en autobuses e mupis, é a dun iceberg que pon sobre a mesa a necesidade de destapar e visibilizar, en palabras da súa deseñadora Uqui Permui, “as violencias cotiás, as normalizadas, esas que nos costa ver e cando as vemos xa é moi tarde”.

Coas palabras “feminicidio” e “asesinato” na punta do iceberg, xorden as que están ocultas como “desvaloración”, “desprezo”, “culpabilizar”, “micromachismo” ou “anulación”. Estas mesmas verbas son as que, en forma de tiras de papel, repartirá o Concello xunto con bolsas de tea e o propio cartel aos comercios, bares e establecementos en xeral co obxectivo de denunciar esas situacións.

Estes mesmos materiais estarán ademais dispoñibles para toda a cidadanía que queira actuar vestindo de negro xanelas, varandas e en definitiva os seus espazos. Así, poderánse recoller na Casa Xohana Torres os días 19, 22 e 25 en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 h.

Seis performances, 12 escaparates

Outra das actividades que se desenvolverá será a realización de performances en 12 escaparates de establecementos composteláns na que participan seis artistas de diferentes artes escénicas como son Marta Alonso, Mónica de Nut, Helena Salgueiro, Marta Pérez, María Roja e a xaponesa residente en Compostela Masako Hattori. Tres das pezas son estreas mentras que as outras tres son adaptacións feitas ex profeso para o espazo dos escaparates, e todas xiran en torno ás formas de violencia ocultas na normalización, ás agochadas baixo a punta do iceberg seguindo o “sempre foi así”.

As performances serán o martes 24 de novembro e o mesmo día 25 entre as 18.30 e as 20 horas. De só 10 minutos de duración, repetiránse dúas veces en cada escaparate e poderán verse a través dun percorrido polo centro da cidade: o mércores 24 en República do Salvador e Xeneral Pardiñas, e Praza de Galicia e rúa do Hórreo o xoves 25.

Por último, tamén forma parte da campaña o proxecto audiovisual “Homes de futuro”, dirixido por Cruz Dafonte. En formato reportaxe, adolescentes de Compostela indagan sobre o seu futuro en igualdade nunha grabación que se estreará proximamente na Casa Xohana Torres.

Actos institucionais

A concelleira de Igualdade lembrou que o propio 25N a corporación recibirá ás 12.00 h no Pazo de Raxoi a distintos colectivos feministas e ás 19.00 h, na praza 8 de marzo, descubrirase unha placa en homenaxe ás vítimas de violencia machista.

+ INFO

Establecementos das Performances

Día 24 (República do Salvador – Xeneral Pardiñas):

Bombarda

Casa do Libro

Sin Timones

Lunares en Mayo

Roberto Verino

Who Killed Bambi?

Día 25 (Praza de Galicia – Hórreo):

Caneda

Squina Moda

Portela Seijo

A Reixa

Rimess Musical

Carmen Díaz Estilista / NafNaf / Kookaï

As artistas

María Roja, coa peza Can cancela calafrío

María Roja é artista visual, performer e actriz. É Licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e Titulada Superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia.

Rostro habitual das táboas e a ficción audiovisual galegas, no campo da interpretación é salientable o seu labor en compañías de artes escénicas de linguaxe posdramática así como a súa participación en filmes de corte experimental. No ano 2017 recibiu o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria.

Marta Pérez, coa peza Paté de fígado

(A Cañiza, 1979). Actriz e creadora escénica. Directora de Inversa Teatro coa que leva presentado sete producións e que a levou a realizar xiras por Brasil, Colombia, México, Venezuela, EEUU e Portugal. Egresada en filosofía, procura unha linguaxe propia nos seus textos e espectáculos a partires do seu interese filosófico e a súa intención feminista. Coordinou os Encontros Mulleres Creando no FITO de Ourense e foi colaboradora do ZigZag Diario da TVG na sección escénicas. Con varios textos publicados, ten colaborado en diferentes Festivais e actividades culturais, vinculadas coas Artes Escénicas e o Xénero.

Masako Hattori, coa peza N+ Acción.

Licenciada en Artes plásticas polo Colexio Universitario de Arte de Kioto (Xapón) e pola Escola Superior de Arte de Aix-en-Provence (Francia) nas especialidades de Video-Arte, Debuxo, Son e Performance. Despois de traballar no Xapón como deseñadora gráfica e profesora adxunta na Universidad de Arte de Kioto, trasladouse a Francia para ampliar os seus estudos de Belas Artes onde se especializa na performance. En 2017 creou en Compostela a súa propia compañía de arte escénico multidisciplinar, KOKOHARUKA. Na actualidade, ademáis das súas instalacións, video creacións, performance e o seu traballo de deseño gráfico, colabora con compañías de teatro e danza en Portugal, Bélxica, Francia e España.

Mónica de Nut, coa peza Tralo muro transparente A túa liberación en venta.

Cantante ecléctica (ópera, jazz, contemporánea, experimental e música galega de raíz), ademáis de actriz con experiencia na danza contemporánea. Diplomouse en Pedagoxía Musical e licenciouse na Escuela Superior de Canto de Madrid. Compaxina docencia coa composición musical e as artes escénicas e audiovisuais. Publicou tres discos en solitario e forma parte doutros proxectos musicais internacionais como Déixaas, de Mercedes Peón, ou Tosta e Koklea, de Oreka Tx.

Helena Salgueiro, coa peza: Chiaroscuro (ou a importancia de pór negro sobre branco)

Performer, bailarina, intérprete e poeta. É a directora da compañía de artes vivas ABAR. O seu traballo performativo exhibiuse en espazos e festivais de Galicia, Portugal, Escocia, Suecia, Inglaterra, Arabia Saudí e España. Formouse en dramaturxia, danza e teatro físico en Francia, Polonia e Dinamarca. Publica poemarios e traduccións do inglés ao galego, participa en antoloxías de poesía contemporánea, colabora con distintas publicacións británicas e galegas sobre performance, danza e teatro e imparte obradoiros en universidades e festivais galegos. O seu traballo xira entorno á palabra e o movemento.

Marta Alonso, coa peza (A)MAR

(Ourense, 1983) Bailarina, actriz, creadora, directora artística, xestora cultural e docente. A súa actividade artística traza desde o inicio unha ida e unha volta constante cara a danza e o movemento que ao longo do seu percurso se achega ao teatro físico e ao circo, dialogando repetidamente co humor e o traballo de interacción co público.

É fundadora do colectivo Traspediante e codirectora do festival de danza corpo(a)terra de Ourense.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial