займ срочно

O grupo Resonet lembra á compositora Barbara Strozzi para o Ateneo Barroco

0

Compostela, 11 de outubro do 2019 – O grupo compostelán Resonet, neste caso representado polo dúo formado pola soprano Mercedes Herández e o laudista Fernando Reyes, reivindica a figura inxustamente esquecida da compositora veneciana barroca Barbara Strozzi

A cita de hoxe venres será de novo no Paraninfo Universitario, na Facultade de Xeografía e Historia, as oito da tarde. O programa estará dedicado de forma íntegra ao traballo de Barbara Strozzi.

Barbara Strozzi

A veneciana naceu en 1619 e foi adoptada polo intelectual Giulio Strozzi, poeta e dramaturgo. Estudou a arte da composición con Francesco Cavalli, o famoso compositor de ópera, e foi coñecida por ser unha cantante virtuosa, que desenvolveu a maior parte da súa actividade arredor da veneciana Accademia de gli Unisoni, fundada polo seu titor.

A maior parte das súas obras musicais son obras vocais para unha voz e acompañamento escrito na técnica habitual do baixo continuo, unha liña melódica en clave de baixo, que pode ser interpretada por diferentes instrumentos, seguindo diversas pautas de acompañamento improvisado. Barbara Strozzi chegou a publicar un total de oito libros nas máis importantes editoras de Venecia, edicións que contribuíron a difundir a súa obra e a que acadase tanto ou máis éxito que outros compositores contemporáneos.

A súa importancia na Venecia do seu tempo, como compositora especialmente, foi practicamente ignorada pola construción da Historia da Música italiana no século XIX, quedando así marxinada a un esquecemento que non se correspondía coa súa importancia histórica e cultural. Só a finais do século XX comezou a investigarse a súa fermosa e imprescindible obra e a súa vida, da que aínda nos faltan moitos datos.

O grupo Resonet

Resonet interpreta Barbara StrozziFormado en 1990, hai case trinta anos, en Compostela baixo o impulso do director do grupo Fernando Reyes e da soprano Mercedes Hernández, Resonet toma o seu nome dunha peza do Códice Calixtino e realiza proxectos de investigación musical e dramatúrxica cuxo obxectivo é empregar e respectar os criterios estéticos e musicais das épocas nas que se compuxeron as obras. Resonet ten realizado numerosos concertos en toda Europa, cun repertorio que vai dende a música medieval galega á ópera veneciana do século XVII, pasando pola polifonía renacentista e a música barroca española. Resonet ten dedicado unha especial atención á música relacionada co Camiño de Santiago, da que ten publicado xa 6 discos compactos.

As entradas para o concerto poden adquirirse en entradas.ataquilla.com, na sede de Afundación na rúa do Vilar e, 2 horas antes do concerto, no mesmo Paraninfo da Universidade.

A tiorba foi un dos instrumentos preferidos na Venecia de Barbara Strozzi para acompañar cantatas, ariette (cancionciñas) e mesmo motetes (unha especie de cantatas en latín), composicións nas que esta compositora destacou sobresaintemente. Precisamente a tiorba, singular e vistoso instrumento de corda pulsada, será o que poderemos descubrir de preto con Fernando Reyes no breve encontro que, como cada día, no espazo de celebración de cada concerto, e con anterioridade ao mesmo (18.30h), organiza o Festival Ateneo Barroco para que o público se atope cos músicos, dispostos a ilustrar e amosar as peculiaridades dos seus instrumentos e a satisfacer as súas dúbidas e curiosidades. Esta actividade é gratuíta con acceso limitado por rigorosa orde de chegada a 25 persoas.

A primeira edición do festival Ateneo Barroco, organizada polo Ateneo de Santiago, conta co patrocinio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago e a colaboración da Universidade de Santiago.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies