Compostela, 14 de outubro do 2019 – O Ateneo de Santiago continúa a programación anual cun ciclo dos Luns do Ateneo dedicado á gastronomía e a nutrición e que comeza hoxe coa Historia do xantar dos galegos.
Tras o éxito acadado pola primeira edición do Ateneo Barroco a Asociación cultural mergullase nas particularidades da alimentación, tanto no aspecto máis lúdico como na parte que afecta a nosa saúde. Esta tarde será o Catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago Xavier Castro quen fale da “Historia do xantar dos galegos”.
Na cita, que terá lugar como sempre ás 20h na Rúa do Vilar, 19, de Santiago, o Historiador falará das diferenzas entre a cociña popular e a culinaria fidalga e burguesa (a preferencia pola cocción dos primeiros fronte ás frituras e guisos dos segundos, o emprego de produtos estacionais en contraposición ao xénero de importación e receitas foráneas…) así como as súas semellanzas (a influencia da mentalidade relixiosa católica, o emprego duns mesmos instrumentos culinarios…), sen perder de vista a situación da muller neste ámbito, o aproveitamento dos escasos recursos ou a vixilia e as bulas.
Xavier Castro
Xavier Castro impartiu docencia na Université de Rennes e na École des Hautes Ètudes en Sciences Sociaux de París, foi subdirector da revista Grial e foi asesor histórico de programas televisivos como As leis de Celavella e Lobos e cordeiros. Membro da comisión científica da Fundación Dieta Atlántica, recibiu o Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015 polo seu labor como investigador da historia da alimentación, destacando entre as súas publicacións A lume manso, Ayunos y yantares (Premio Nacional de Gastronomía), A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia, A mesa e manteis (Premio Gourmand World Awards) e Yantares gallegos. Historia de la dieta atlántica.