Compostela, 26 de febreiro do 2020 – A carroza “Mad Max” e a comparsa “Vikings Conxo” gañan o concurso do desfile do Entroido de Compostela.
A cidade viviu o día grande do Entroido co tradicional desfile polas rúas do ensanche. Os participantes concentráronse na avenida de Ferrol desde donde cruzaron a zona nova ata a avenida de Xoán Carlos I. Este ano destacou a participación dos barrios e parroquias coas súas diversas comparsas. A entrega de premios celebrouse na Sala Capitol, coa presenza do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e doutros integrantes da Corporación.
A triunfadora da noite na modalidade de carrozas foi a denominada “Mad Max”, que levou o premio de 3.000 euros. Segunda e terceira clasificadas quedaron “O Imperio de Nefertiti” e “Peter! Voamos”, que levaron, respectivamente, 2.000 e 1.000 euros.
Na categoría de comparsas, o xurado elixiu como gañadora a titulada “Vikings Conxo”, que recibiu un galardón de 2.500 euros. “Fadas e grilos”, e “Dando luz ao Carnaval” quedaron en segundo e terceiro lugar, levando 2.000 e 1.000 euros, respectivamente.
Tamén recibiron premios especiais as mellores comparsas dos barrios e parroquias de Santiago de Compostela, que se fixeron con 1.000, 800 e 600 euros como agasallo. As triunfadoras foron, por esta orde, “As froitas da Ruliña”, “O cambio climático” e “Éche o que hai”.
O xurado elixiu a “Viaxando ao Entroido”, “Tormenta anunciada” e “Pokemon” como os mellores grupos caracterizados. Para eles foron os premios de 800, 400 e 200 euros.
A parella máis orixinal foi a denominada “Manter vivos os recordos”, que recibiu un premio de 400 euros. Finalmente, os mellores disfraces individuais foron “O trasgo e o seu bebé dragón”, “O dragón máxico de reciclaxe” e “Luces, cámara, acción”, premiados con 300, 200 e 100 euros, respectivamente.
Queima do Meco
O Entroido 2020 remata este mércores co acompañamento do Meco dende o Toural ata a praza Roxa, onde arderá despois dun percorrido cunha comitiva de loito e co acompañamento musical da Ruliña de Laraño, Os Armatroulas e a Charanga BB+.