Compostela, 18 de xuño do 2020 – O concello de Santiago de Compostela celebrará este próximo domingo o Día Europeo da Música con concertos en rúas e prazas da cidade.
Compostela presenta o lema “Música para camiñantes” que fai referencias as distintas actuación que o que pasee pola cidade poderá disfrutar o domingo. Desde a concelleira destacan a actividade como un xeito de recuperar a actividade cultural.
A Banda Municipal e Ultreia son dúas das formacións que actuarán o domingo en Compostela. A Banda na Praza Roxa e Ultreia como unha das formacións de música tradicional que ocuparán as rúas.
O vídeo da rolda de prensa pode verse aquí
O Programa
De 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00 h, Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata de Sar e Ultreia divídense en pequenas formacións para tocar en Concheiros, San Pedro, Basquiños, zona vella, praza de Galicia, Ensanche e Romero Donallo.
Ao mediodía (12:00 h), o grupo de clarinetes da Banda Municipal ofrecerá un concerto na praza Roxa, con obras de Mozart, Grundman, H. Mancini, B. Goodman, S. Joplin e G. Baudot. Unha hora despois (13:00 h), tomará o relevo o grupo de saxofóns na praza das Praterías, cunha actuación titulada “Música entre danzas”, na que os/as músicos/as interpretarán obras de C. Debussy, D. Shostakovich, L. Florenzo, A. Piazzola, P. Iturralde e G. Miller.
Xa pola tarde, cambio de estilo e de escenario. Ás 18:00 h, o parque Eugenio Granell (xardín ornamental do parque Novo Milenio) acolle a actuación ao piano de Aida Saco. E ás 18:45, concerto de Ton Risco ao vibráfono na praza das Pontes do Sar.
A praza Roxa (cruceiro do Agro de Ramírez) será o lugar onde, ás 19:30 h, as voces femininas do coro Sisters in the House deleitarán ao público co seu innovador e premiado espectáculo. O Día Europeo da Música pecharase a ritmo de jazz na rúa de San Clemente, coa actuación ás 20:15 h de Gerson Tineo Trío.