Compostela, 22 de outubro do 2019 – O Partido Popular de Santiago pide ao goberno municipal que proceda á mellora dalgunhas marquesiñas, tanto no casco urbano como no rural da cidade.
Explican que tras as eleccións municipais, nun Consello de Administración de Tussa, o alcalde aceptaba a proposta do voceiro Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, para habilitar unha partida que tivera como un dos seus destinos a dotación dunha marquesiña adecuada ás necesidades do recinto de Santa Marta. Os Populares reclaman que “coa maior dilixencia posible, por parte do Goberno local se fagan as xestións oportunas para a urxente instalación desta marquesiña e que a instalación sexa, adecuada en tamaño e deseño e que inclúa os necesarios medios de información aos usuarios”.
Para o PP “A pesar da evidente importancia e da gran actividade nesta superficie, motivada pola gratuidade das súas instalacións; a súa gran capacidade de acollida; e, sobre todo, pola súa situación próxima ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) que lle confiren un dobre valor de alternativa para o acceso aos servizos hospitalarios e para deixar os vehículos procedentes do sur da cidade, o certo é que a marquesiña segue sen ser instalada”
Mellora marquesiñas no rural
O grupo popular critica ademais a falta de conservación dalgunhas marquesiñas que “ofrecen un pouco edificante exemplo de conservación e limpeza, co negativo impacto que isto ten, non só para a comodidade e satisfacción das persoas usuarias, senón tamén para unha valorización da paisaxe e da calidade ambiental”. Solicitan ao Goberno de Sánchez Bugallo que proceda á limpeza das marquesiñas do transporte público no rural de Santiago e, de forma simultánea, se contemple a incorporación progresiva nestas instalacións dun distintivo adhesivo de alta visibilidade que informe do nome do lugar, e mesmo da parroquia, onde se asenta cada unha delas, como medida para complementar o coñecemento e axudar no tránsito ao longo de Santiago.
Para o Grupo Municipal Popular, a prestación dun bo servizo debe incluír todos os elementos que o conforman para o transporte público, sobre todo, no rural, os sitios de abrigo para a espera do autobús son fundamentais, polo que requiren de especial atención.