Piden árbores de folla perenne na reurbanización da rúa do Hórreo

0

 Compostela, 21 de xuño do 2021 – O PP de Santiago ven de pedir ao goberno municipal que use árbores de folla perenne e especies autóctonas na reurbanización da rúa do Hórreo.

A vicevoceira, María Castelao, levará a Pleno un rogo para que se revisen as especies que se están a usar na actualidade. A demanda xurde coa licitación das obras de reurbanización da zona dianteira da estación intermodal. No proxecto detállanse as especies para o axardinamento da zona e as árbores contempladas son bidueiros (“bétula alba”), especie autóctona de folla caduca, e entre as plantas tapizantes menciónanse o lirio africano (“agapanthus africanus”) e como trepadora para as pérgolas a “wisteria sinensis”, unha planta endémica de China.

María Castelao insiste en que a elección dunha árbore de folla caduca para un ámbito onde circularán milleiros de persoas cada día non parece o máis axeitado, e sorprende tamén o exotismo das propostas para o axardinamento dunha zona chamada a ser a porta de entrada e, por iso mesmo, definitoria e distintiva da nosa cidade.

Castelao explica que un dos motivos é evitar situacións como a ocorrida no pasado mes de novembro a raíz das inundacións acontecidas en varias rúas da cidade, nas que se sinalou como causa principal a acumulación das follas caídas que taponaron a rede de sumidoiros.

Os populares presentaron en aquel momento unha iniciativa para que se estudara a paulatina substitución de árbores de folla caduca por outras de folla perenne, preferentemente autóctonas, en determinadas zonas da cidade, que achegaran unha maior diversidade.

O PP considera que a problemática faise extensible á plantación de novas especies de folla caduca en determinados ámbitos como pode ser este caso. Explican que hai que ter en conta cuestións como un elevado tránsito peonil, onde as follas axudarían as crear superficies esvaradías ou ocultar irregularidades nos pavimentos; os posibles problemas de bolsas de auga pola concentración de follas na rede de sumidoiros, cuestión que, polo demais, suporía unha sobrecarga para distintos servizos municipais (parques e xardíns, limpeza viaria ou saneamento); sen esquecer unha axeitada selección para evitar na medida do posible os efectos negativos dalgunhas especies para as persoas alérxicas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial