Compostela, 3 de setembro do 2019 – Onte presentouse a oitava edición do circuíto de carreiras saudable de Santiago CorreSan.
CorreSan terá de novo catro probas comezando pola nocturna que percorre o casco vello da cidade e que se celebrará o próximo día 21. Esta proba terá unha distancia de 5,5 kilómetros e a inscrición xa está aberta na web do circuíto. O día anterior celebrarase ademais a gala de entrega dos premios do 2018.
A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, destacou na presentación o compoñente saudable deste circuíto de probas, aberto á participación de calquera deportista habitual ou eventual que desexe acceder á práctica libre do exercicio físico nos diferentes contornos da cidade. Novamente haberá distancias adaptadas para todas as idades, polo que fixo un chamamento á participación da veciñanza de Compostela.
Tamén coincidiu neste chamamento o delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, quen foi o encargado de detallar o calendario de carreiras desta edición. Despois da nocturna o calendario seguirá o 12 de setembro coa Ruta da Prata-Angrois (5,2 km), e o 3 de novembro coa Ruta dos Parques (5,7 km). Esta VIII edición do CorreSan pecharase o 7 de decembro cunha proba que repite tras o éxito do ano anterior, a do barrio de San Pedro, de 5 quilómetros para os adultos.
Aínda quedaría por celebrarse unha proba que, se ben non está incluída no Circuíto, si serve de colofón á temporada atlética, a San Silvestre. Ademais, tal como anunciou o secretario da Federación Galega de Atletismo, Carlos Castro, aqueles/as que se inscriban no Circuíto terán a participación de balde nesta proba de peche do ano.