Traballadores de Tralusa e Urbaser protestan en Santiago

0

Compostela, 27 de novembro do 2020 –  Persoal das empresas Tralusa, que xestiona o transporte urbano, e Urbaser, encargada do lixo, protestaron diante do concello de Santiago.

O comité de empresa de Urbaser reclama unha xuntanza co concello para informar das deficiencias do servizo de limpeza. Queren ademais coñecer as condicións dos novos pregos do concurso e, sobre todo, das medidas que se recollen contra a covid-19.

Pola súa banda o comité de TRALUSA e o conxunto do persoal das empresas de transporte urbano de Santiago tamén demandan interlocución co concello para que nos novos pregos se recollan unhas únicas condicións laborais para todo o persoal do transporte, independentemente da empresa para a que traballe.

En ambos os casos denuncian a falta de respecto do concello polo seu persoal municipal, ao que ignoran de forma sistemática. A concentración diante do Pazo de Raxoi tivo lugar na tarde de este xoves coincidindo coa celebración dun pleno municipal.

Peticións de reunións

O comité de empresa de Urbaser solicitou en diversas ocasións á concelleira responsable do servizo manter unha xuntanza para ter información das condicións do novo prego do concurso do servizo de limpeza e para facer aportacións que consideran útiles para a súa mellora, sobre todo en materia covid-19. Propostas que entenden que beneficiarían á veciñanza de Compostela, así como as persoas traballadoras da empresa.

Denuncian que levan intentando contactar tanto co alcalde como coa concelleira desde hai tempo pero que esta só mantivo unha reunión na que o comité trasladou as súas inquedanzas e informou dos servizos que a empresa non está a facer ou fai de maneira escasa. Descoñecen, porén, se tomou en conta algunha das súas aportacións.

Falta de medidas contra a covid

O comité de empresa reitera a súa preocupación pola situación sanitaria que se está a dar no concello e traslada a súa frustración por non ter o material necesario “para poder realizar o servizo como merece a cidade”. Por iso entenden que se deben escoitar as súas propostas; reiteran a solicitude dunha xuntanza co concello  e demandan que saia, con urxencia, a nova contrata.

Mesmas condicións laborais no transporte urbano

Pola súa banda, o persoal do transporte urbano de Compostela demanda que no próximo concurso se inclúa unha cláusula pola que todas as contratacións de persoal que se fagan teñan as mesmas condicións laborais. Un acordo que se acadara co goberno municipal anterior para que no caso de que quen gañara o concurso fose unha UTE as contratacións se fixesen por unha única razón social: ou ben pola UTE ou ben por unha das empresas.

Agora mesmo Tralusa está formada por Trapsa e Aulusa e as contratacións fanse por Tralusa ou Aulusa con condicións diferentes. Segundo explican, “emprégase Aulusa para aqueles traballadores/as que nunca alcanzan antigüidade. O grupo Monbus ao que pertencen as dúas empresas vailles cambiando de contrato entre Aulusa, Tralusa e Castromil, que tamén ten dúas liñas de transporte urbano”.

Denuncian que, dese xeito, ese persoal “nunca alcanza antigüidade abondo como para ter un contrato indefinido condenándoos a unha situación de precariedade permanente, a ter que aceptar horas extra obrigatorias e por debaixo do prezo de convenio. Hai persoal que botou así ata 14 anos nesta situación”.

Condicións diferentes e incumprimento do convenio

A maiores hai outras 5 empresas (Autocares Rías Baixas, Empresa Freire, Autos Grabanxa, Hermanos Ferrín, Aucasa) que tamén teñen algunha liña de transporte urbano que no próximo concurso se terán que unificar. En todas elas as condicións de traballo son diferentes e agás algunha excepción incumpren o convenio colectivo. Dáse a circunstancia ademais de que o concurso do transporte urbano está caducado desde 2015 “o que provocou que estas diferentes e abusivas condicións de traballo se mantiveran no tempo”, din.

O que o comité de empresa de Tralusa, que é na que traballa o groso do persoal, vén demandando desde hai anos é “que se faga toda a contratación nunha única empresa ou que no caso de que quen gañe o concurso sexa unha UTE sexa unha das empresas da UTE todas as contratacións se fagan nunha única razón social e isto que se incluíra nos pregos de condicións”.

Coa anterior corporación municipal chegárase a un compromiso para que fose así, pero os pregos non chegaron a publicarse nesa lexislatura. Co cambio de goberno, a representación sindical tentou en múltiples ocasión reunirse con representantes do concello para saber se se mantiña ese compromiso “sen éxito algún”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial