Compostela recupera os premios “Santiago Deporte”

0

Compostela, 27 de febreiro do 2019 – O concello de Compostela recupera os premios Santiago Deporte que se outorgarán en 8 categorías distintas o próximo 7 de marzo.

Os Santiago Deporte foron presentados nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira Noa Morales e a que será presentadora da gala, a xornalista Silvia Castiñeiras. Os premios buscan realizar un recoñecemento público a persoas e entidades polo labor desenvolvido no 2018 ou na tempada 2017/2018. Morales explicaba que “estes premios teñen como obxectivo premiar e recoñecer o traballo e esforzo que as entidades do municipio, así como as e os deportistas de Compostela levan desenvolvido durante o último ano”. Os galardóns entregaranse nunha gala que terá lugar o 7 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia, e consistirán nun diploma acreditativo e unha medalla conmemorativa.

SONY DSC

Oito categorías

Da selección dos e das premiadas encargouse un comité avaliador que estivo formado polo alcalde de Santiago, a concelleira de Deporte, un membro de cada un dos grupos políticos con representación municipal, un representante da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, un representante da Deputación da Coruña e un representante de cada un dos medios de comunicación con sede local en Santiago.

Como mellor deportista feminina elixiuse á xogadora de baloncesto Blanca Millán e como mellor deportista masculino ao judoka Martín Salvado, por despuntar nos seus respectivos deportes. O Victoria FC foi elixida a entidade deportiva máis destacada, valorando así a súa promoción do deporte en Compostela e o seu bo facer na Segunda División de fútbol feminino.

O premio ao adestrador máis destacado é para Yago Iglesias, adestrador da SD Compostela a quen o comité avaliador premia pola boa tempada 2017/2018 do equipo que dirixe, que chegou a xogar os play-off de ascenso a Segunda División B.

Arteal S.L. é a entidade premiada na categoría “Patrocinio deportivo”, pola súa vinculación, promoción e apoio ao tenis de mesa en Compostela e ao club Arteal- Tenis de Mesa, que é unha referencia no conxunto do Estado.

Pola súa banda, Special Olympics Galicia recibe o premio na categoría “Actividade ou acción social”, por ser unha entidade que durante o ano 2018 desenvolveu actividades e programas de carácter benéfico que favorecen a cohesión social e fomentan os hábitos deportivos saudables. O premio á entidade educativa do 2018 recae no Colexio Compañía de María, que se distinguiu no 2018 por impulsar os valores do deporte no ámbito educativo, tanto internamente como no resto do municipio.

O Premio Honorífico á traxectoria deportiva é para Antonio Bermúdez Vidán, xornalista moi recoñecido na cidade e que dedicou toda a súa vida profesional á cobertura informativa dos equipos de Compostela como locutor de Radio Galicia Cadena SER. Con este galardón quere recoñecérselle a súa implicación e o seu traballo a prol do deporte no municipio.

Finalmente, entregaranse unhas mencións especiais a Jesús Conde, que foi presidente do SD Villestro; Antonio Pais, futbolista e deportista moi vinculado ao municipio, e Alfonso Rivera, quen fora adestrador do Obradoiro.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial