Compostela, 24 de maio do 2022 – Once concertos da Banda Municipal de Música de Santiago forman o ciclo “Sinerxías” que comeza o vindeiro xoves e rematará no mes de xullo.
Diferentes estilos musicais e colaboracións con outras formacións marcan a pauta de “Sinerxías”. Ata fin de mes a Banda ofrecerá os dous primeiros na Praza da Quintana. O 26, xoves “De cofias e monteiras”, coa participación da Asociación do Traxe Galego e a Agrupación Brincadeira. O domingo 29 “Xoldra a eira”, coa Banda de Gaitas de Forcarei (“Josele”, Icía Varela e Xabier Cruz).
Presentación de “Sinerxías”
O programa foi presentado pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director da formación, David Fiuza.
A concelleira referiuse a estas “Sinerxías”, como un “frutífero punto de encontro no que se suman as forzas de diversos entes con azos de construír en conxunto e se harmonizan as diversas enerxías, canalizándose de cara a un obxectivo común”.

Pola súa parte, o director explicou que este novo ciclo busca “festexar con música as ‘sinerxías’ que brotan inherentemente á peregrinación polos Camiños Sonoros da Banda Municipal de Música de Santiago”, e salientou a necesidade de “abrirse ás rúas, á cidade e sobre todo, ás amizades que artísticamente ofrecen nexos e empatías para realizar proxectos musicais en común, aportando así unha dimensión maior á sonoridade á Banda”.
Programación
Durante o mes de xuño, a BMSC ofrecerá outros cinco espectáculos: “Capricho brillante”, coa Federación Galega de Bandas de Música Populares , o 2 de xuño; “Concerto monocromo”, coa participación da artista multidiscriplinar Macarena Montesinos, que terá lugar no Festival Plataforma o vindeiro 9 de xuño; “Novos Vieiros”, o 16 de xuño, no cadro das Xornadas Música Contemporánea; “Retornos Melódicos”, xunto co director Casiano Mouriño, co gallo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, o 23 de xuño; e “Romaría”, no cadro do Festival de Narración Oral Atlántica, o vindeiro 30 de xullo.
A programación continuará durante o mes dedicado ás Festas do Apóstolo co concerto “Sinfonietta Galaica” o 7 de xullo, no que a BMSC compartirá escenario coa Banda Sinfónica da FGBMP, e o gaiteiro”Josele”; e coa participación no XVIII Encontro Galego do Saxofón o día 14, nunha actuación conxunta co recoñecido saxofonista Claude Delangle. A praza da Quintana acollerá outros dous espectáculos os días 21 e 29 de xullo: “Suite de Souvenirs” con +QDanza; e “Ei cantar coa túa Banda”, con Mare Producións e as voces de Paco Lodeiro, Rosa Cedrón e Miguel Ladrón de Guevara.
Entradas
Os billetes poden adquirirse, de xeito gratuito, na web compostelacultura.gal; na zona C (de martes a sábado); ou no despacho de billetes do Teatro Principal o día do espectáculo desde unha hora antes de comezo do mesmo.