Con xuño chegará as Xornadas de Música Contemporánea

0

Compostela, 27 de maio do  2021 – Invisibles e Sonora é o nome da edición 2021 das Xornadas de Música Contemporánea de Compostela.

As xornadas foron presentadas pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada de Xosé Luís Penas, deputado provincial da Deputación da Coruña; Mar Lorenzo, vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC; e Santiago Olmo, director do CGAC. Un evento que conta tamén co apoio do Consorcio de Santiago.

Un programa con 3 coloquios e 9 concertos do 1 ao 29 de xuño. Casi na súa totalidade con obras compostas por mulleres o que provoca en certo modo o título de Invisibles e Sonoras.

O feminino é o eixo transversal de todo o ciclo. Mulleres: compositoras, intérpretes, estudosas. En palabras da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, quen tamén é concelleira de Igualdade, “desde Compostela Cultura programamos para colocar o feminino no lugar que lle corresponde, unha débeda que temos desde hai tempo como sociedade e que traballamos por saldar” ao que engadiu: “Levamos anos desenvolvendo o programa Womarts da Unión Europea e traballamos sempre considerando a programación feita e desenvolta por mulleres como un eixo transversal de todos os nosos ciclos”.

As mulleres, visibles e sonoras por mérito propio

A programación comeza o martes 1 cun Solo de Arpa de Cristina Montes Mateo, recoñecida arpista, que ofrece un programa de música orixinal para arpa sola de nove compositoras españolas. De seguido, o mércores 9, botaremos unha ollada multidisciplinar á obra de Maruja Roca coa estrea absoluta de ‘120 fotografías + 8 fabulacións’.

O xoves 10 chega o concerto da Banda Municipal de Música que colabora coas Xornadas como é habitual cada ano. Faino co programa ‘Elas’ con obras compostas todas por mulleres entre as que podemos destacar ‘A raíña Lupa’ de María Mendoza, gañadora de numerosos premios de composición. Será na praza das Praterías. Paco Varoch, piccolo, e Adrián García, percusión, achégannos ‘Dolce Tormento’ o venres 11, con composicións ou adaptacións todas de mulleres: Marina Uceda Farré, Martina Sabariego ou Carla Rees, entre outras.

O luns 14 e de novo o luns 21, a musicóloga Rosa María Fernández preséntanos ‘Elas fan ópera’, un percorrido polas diferentes aportacións que teñen feito a esta arte contemporánea as máis sobresaíntes dramaturgas, compositoras, directoras de escena e cantantes. O mércores 16 as Xornadas chegan ao CGAC onde poderemos gozar de ‘Catro continentes’ coa pianista Elisa Vázquez Doval, un programa de novo formado íntegramente por composicións feitas por mulleres.

O xoves 17 temos outra das colaboracións habituais das Xornadas: a da Real Filharmonía de Galicia. Dirixidos e dirixidas por Diego García Rodríguez, presentan un programa de catro compositoras de moi distintas xeracións e culturas. Unha delas, Raquel García-Tomás, acompañarános nun Conversando que teremos antes do concerto xunto tamén ao director.

O martes 22 o Trío Zukan presenta ‘Miradas Sonoras’ e o venres 25 chega ‘Un pecado cheo de pracer’ da man de Vertixe Sonora. Ambos programas con obras compostas por mulleres e no caso de Vertixe inclúe a estrea absoluta de catro delas de Yulan Yu, Manuela Guerra, Eda Er e Alyssa Aska.

Péchase a programación o martes 29 con ‘Cello&Electronics’ da man de Margarida Mariño, violonchelista, e o deseño de iluminación e escenografía de Laura Iturralde.

Pode consultarse o programa e información específica de cada evento en compostelacultura.gal. Entrada de balde previa retirada de convite.

As xornadas celébranse en diferentes espazos da cidade: Auditorio de Galicia, Teatro Principal, CGAC e Praza das Praterías. Todos os eventos serán con entrada de balde, previa retirada de convites. As entradas poderán collerse, como é habitual, semanalmente, a través da web compostelacultura.gal desde as 10.00 h da mañá de cada luns. Tamén de xeito presencial no novo despacho de billetes de Compostela Cultura, na Zona C. Punto de Información Cultural (Preguntoiro, 1) no seu horario habitual: de martes a sábado de 11 a 14 e de 16 a 19 h e domingos de 11 a 14 h. Ademais, tamén se poderán retirar desde unha hora antes de cada evento no despacho de billetes do Teatro Principal e desde unha hora e media no do Auditorio de Galicia, se para daquela quedan billetes dispoñibles.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial