Bisbarra, 9 de xuño do 2020 – Quince concellos galegos, entre os que se atopan Ames e Silleda, promoven un manifesto de cooperación contra o Coronavirus.
Os concellos forman parte do Fondo Galego de Cooperación e o manifesto ven de ser impulsado a nivel estatal pola Confederación de Fondos de cooperación y Solidaridad.
O texto sostén que “nun contexto global, abandonar aos países do Sur non é unha opción”, polo que unha vez superada a fase máis grave nos nosos territorios haberá que “axudar a outros pobos menos preparados para resistir os efectos da pandemia”.
Máis de 1.300 concellos
A Confederación de Fondos agrupa a anove Fondos de Cooperación que representan a máis de 1.300 concellos de toda España. No caso de Galicia 15 concellos xa firmaron o manifesto; se trata de Ames, Arteixo, O Barco, Bergondo, Cabanas, Cambados, Malpica, Moraña, Narón, Poio, Ponteareas, Sada, Sandiás, Silleda e Tomiño.
Ao mesmo tempo, por medio da web da Confederación, numerosos cargos electos se adheriron tamén de xeito individual, co obxectivo de visibilizar o apoio do municipalismo á cooperación internacional.
Este mes o documento abrirase ás sinaturas da cidadanía en xeral, a fin de promover a defensa deste tipo de políticas públicas municipais.
Actuación global
O texto recoñece que “se non actuamos globalmente, o risco de que o virus rebrote ou de que aparezan novas pandemias será cada vez maior” pois “vivimos nun mundo hiperconectado”. Neste senso, a actuación dos fondos de cooperación “non só se limita á resposta sanitaria inmediata”, senón que fai fincapé en fortalecer as capacidades locais dos países máis empobrecidos para xestionar servizos básicos que lles permitan afrontar calquera crise.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de aprobar o investimento de 98.126 euros para frear o impacto do Coronavirus en Mozambique e Guinea-Bissau, a través de cinco proxectos que inciden na sensibilización da veciñanza, a dotación de materiais de prevención, o abastecemento de auga ou a saúde da infancia. Ademais, recentemente puxo en marcha nas redes sociais a campaña #OsMunicipiosCooperan, para poñer en valor a solidariedade internacional desde o local.