Compostela, 24 de febreiro do 2021 – Compostela Aberta pedirá que se realice unha consulta popular sobre o modelo de xetión da auga na cidade.
A consulta sobre o ciclo da auga en Compostela realizaríase seguindo os procedementos da Lei de Bases de Réxime Local, a Lei de Administración Local de Galicia, e o regulamento municipal de Participación Cidadá.

Marta Lois
A portavoz municipal de CA, Marta Lois, explicou en rolda de prensa que “Bugallo debe escoitar a opinión da veciñanza antes de executar a decisión que parece ter tomada, e que hipotecaría o servizo nos próximos 25 anos”.
A petición que levará a pleno Compostela Aberta comeza polo traslado da iniciativa a comisión da auga, xa creada. Esta comisión consensuaría a proposta e a pregunta que se faría na consulta. Finalmente o acordo sería sometido a exposición pública cun prazo para alegacións.
Consulta popular
CA lembra que “o noso ordenamento xurídico recoñécelles ás alcaldías a potestade de someter a consulta popular asuntos de competencia propia municipal e de carácter local que sexan de especial relevancia para os intereses da veciñanza”. Para Marta Lois, “é evidente que o modelo de xestión da auga cumpre esas premisas”.
A consulta popular está regulada no artigo 71 da Lei de Bases de Réxime Local; e a Lei de Administración Local de Galicia, no seu artigo 257, contén unha regulación propia galega para este tipo de consultas, segundo a cal o alcalde pode impulsar a consulta popular despois do acordo do Pleno por maioría absoluta. A Corporación Local deberá remitirlle á Xunta unha copia literal do acordo adoptado polo Pleno do Concello, precisando os termos exactos da consulta, o Consello da Xunta enviará a solicitude ao Goberno do Estado, e será este quen autorice a consulta, que despois será convocada mediante un decreto do Consello da Xunta. Por último, tamén o Regulamento Municipal de Participación Cidadá, no seu título sexto, establece o marco normativo local da consulta popular, que non tería carácter vinculante.