Brión, 25 de novembro do 2020 – O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, convoca o III Premio Laudamuco para Textos Teatrais.
A dotación económica do Laudamuco será de 7.000 euros, a edición da obra gañadora a cargo de Edicións Positivas e unha obra artística conmemorativa, o que o converten no galardón teatral de maior dotación económica en Galicia.
O alcalde brionés, Pablo Lago, indica que “o noso obxectivo coa convocatoria deste premio é estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega ao tempo que lle facemos un recoñecemento a un ilustre veciño como foi Roberto Vidal Bolaño por todo o que representa e segue a representar na nosa cultura e por todo o que lle deu a Brión”.
Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra será libre. O prazo de admisión de orixinais rematará o día 12 de febreiro de 2021.
Presentación de orixinais
De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á Casa da Cultura de Brión (Carballeira de Santa Minia nº 5, C.P. 15865, Brión. A Coruña). Deberase indicar no exterior do sobre “III Premio Laudamuco para Textos Teatrais, 2021”. Nun sobre anexo pechado deberá figurar: o lema (no exterior) e os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono, correo electrónico e currículo da autora ou autor (no interior).
O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral. Será proposto pola Academia Galega de Teatro e nomeado polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes. Na proposta de resolución do xurado haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a súa resolución, procederase á apertura da plica gañadora nun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente. O veredicto do xurado, que poderá declarar deserto o premio, será inapelable.
A entrega do III Premio Laudamuco terá lugar o 16 de maio de 2021, no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 43 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.
Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias da Casa da Cultura do Concello de Brión no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados serán destruídos.
Nas súas dúas primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019) e no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020). O galardón toma o nome da obra Laudamuco, señor de ningures, a peza coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional o 16 de maio de 1978 da man da compañía Antroido, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Unha iniciativa determinante para o conxunto do sistema teatral galego e sen a que non se podería explicar a súa historia posterior.